O sábado conclúe a sétima edición do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (FIC Bueu), que contará nesa xornada cun debate sobre cine no que participarán directores galegos e estranxeiros. Este encontro promóveo a asociación de realizadores Crea e será un acto previo á cerimonia de clausura do certame organizado pola Concellaría de Cultura, que comezará a partir das 21.30 horas no Centro Social do Mar coa proxección das fitas gañadoras dos principais premios.
A cita cos directores será a partir das 18.00 horas no bar Aturuxo baixo o epígrafe 'De canas con Crea' coa idea de compartir vivencias, ideas e experiencias dos directores cos que poderán intercambiar opinións outros profesionais do audiovisual ou público en xeral. A entrada é libre.
Ata o sábado as xornadas de proxección de curtametraxes continúan en sesión dobre, ás 20.00 e ás 22.00 horas, con entrada gratuíta. Ata agora máis de mil persoas pasaron polo Centro Social do Mar nesta edición do FIC Bueu.
Este xoves arrancará a xornada co curto galego '3-1 =0' de Juan Galiñanes, continuará con curtos procedentes de Austria, Francia e Estados Unidos, ademais de 'Un lugar mejor' de Marisa Crespo e Moisés Romera. As sesións finalizarán con 'Parvaneh' (Suíza), dirixida por Talkhon Hamzavi.