Do Gaiás a Pontevedra: o Café Moderno, primeira parada de 'Outras historias posibles'

Pontevedra
24 de xaneiro 2025
Actualizado: 13:45

A exposición aposta por construír un relato máis diverso e integrador da arte galega traendo ao presente as obras e traxectorias de seis artistas que despuntaron nos anos 80 do século pasado

Exposición 'Outras historias posibles'
Exposición 'Outras historias posibles' / Xunta de Galicia

O Café Moderno de Pontevedra será a primeira parada dunha ruta por Galicia da exposición 'Outras historias posibles', que parte do Museo Gaiás, na Cidade da Cultura. 

Trátase dunha exposición que reclama para as novas xeracións o talento de seis mulleres que despuntaron a finais do pasado século XX na arte contemporánea feita en Galicia: Ana García Pan, Emilia Guimeráns, Anne Heyvaert, Tusi Sandoval, Blanca Silva e Laura Terré.

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude clausura a exposición este domingo 26 tras recibir 56.000 visitas.

Comisariada pola profesora e investigadora da Universidade de Vigo, Susana Cendán, 'Outras historias posibles' continuará a viaxar por centros culturais da xeografía galega sumando espazos nos que celebrar a diversidade do talento.

Esa pluralidade do talento pode verse nas pinturas cosidas con coiro de Tusi Sandoval, nos xogos coa nosa percepción dos óleos e debuxos de Anne Heyvaert, o compromiso social contracorrente de Laura Terré, o explosivo uso da cor de Ana García Pan, o anhelo de plasmar os soños de Blanca Silva e a constante experimentación co material cerámico de Emilia Guimeráns.

Pinturas, esculturas, xilografías e debuxos configuran un percorrido que permite apreciar o devir de cada artista, sen obviar o impacto do contexto social e persoal nos camiños que decidiron tomar e na visibilidade das súas traxectorias.

A maternidade, os roles de xénero, ou mesmo as correntes dominantes no mercado e na crítica artística da época son aspectos que esta mostra integra e fai explícitos, desbotando o mito do ‘xenio-artista’ individual.