O alumnado da Universidade de Vigo presenta o videoxogo deseñado nunha residencia artística do Gaiás

Pontevedra
14 de xullo 2022

Inspirado na novela ‘Arnoia, Arnoia’ de Xosé Luís Méndez Ferrín, o xogo emprega mecánicas de videoxogos de plataformas clásicos como o ‘Super Mario'

Participantes na primeira residencia artística de creación dixital no Gaiás
Participantes na primeira residencia artística de creación dixital no Gaiás / Xunta de Galicia

A Cidade da Cultura acolleu este xoves a presentación do prototipo de videoxogo 'Retorno Arnoia', resultado do traballo realizado polo alumnado na Universidade de Vigo na primeira residencia artística enfocada á creación dixital impulsada de maneira conxunta pola Xunta de Galicia e a institución académica. 

A directora-xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, subliñou a experiencia como pioneira no marco das accións que o Gaiás está a desenvolver para apoiar a creación artística e cultural en Galicia.

Trátase da primeira residencia que integrou perfís diversos, desde o artístico ao tecnolóxico, nun equipo que traballou ao unísono para dar forma a un proxecto cultural tan innovador e esixente como é un videoxogo. 

O alumnado participante son egresados en Comunicación Audiovisual, Publicidade, Belas Artes, Telecomunicación e Informática e dedicou horas a deseñar, debuxar, animar, programar e sobre todo comprobar e descartar erros nunha estadía intensiva que durou pouco máis de catro fins de semana, pero que lles valeu para mellorar as súas competencias e experimentar de cheo todas as fases de desenvolvemento do xogo.

O froito deste traballo é un videoxogo de plataformas inspirado nun clásico da literatura xuvenil galega, 'Arnoia, Arnoia', do escritor ourensán Xosé Luís Méndez Ferrín. Nel, o protagonista ten que superar diferentes obstáculos e inimigos en cada nivel, empregando mecánicas similares a clásicos do xénero como o Super Mario. 

Na presentación, o alumnado fixo unha demostración comentada en vivo do xogo, aberta tanto ao público asistente ao acto como a toda a audiencia que seguiu a retransmisión en streaming.

Máis aló do resultado final, os nove alumnos participantes na residencia COMTECART no Gaiás valoraron especialmente a aprendizaxe en común, a posibilidade de coñecer as dinámicas reais coas que se traballa na industria e a exploración das posibilidades que o sector, un dos máis relevantes dentro das industrias culturais e creativas, lles pode ofrecer para o seu desenvolvemento a nivel profesional.