Domingos do Principal di adeus mergullado no 'Mundo Lirondo'

Pontevedra
11 de marzo 2018

Spasmo Teatro representou este domingo o espectáculo "O Mundo Lirondo" para poñer punto e final a unha nova edición de Domingos do Principal. Fíxoo nunha viaxe cara aos recunchos máis afastados do mundo

'O Mundo Lirondo' en Domingos do Principal Diego Torrado

Spasmo Teatro foi o grupo encargado de poñer o broche a unha nova edición de Domingos do Principal.

A agrupación salmantina presentou en Pontevedra o espectáculo 'O Mundo Lirondo', que en 2017 recibiu o premio ao mellor espectáculo infantil na Feira de Teatro de Castela e León.

'O Mundo Lirondo' é unha viaxe cara aos recunchos máis afastados do mundo que termina de volta a casa, unha maneira divertida e emocionante de adquirir nocións básicas de xeografía, xentes e diferenzas culturais, plantas e animais, e fundamentalmente, a importancia de respectar e coidar o medio ambiente.

Por iso os protagonistas do espectáculo animaron aos máis pequenos a facer as maletas e coller a cámara de fotos para vivir unha divertida aventura.

Así, cun sorriso, a dobre representación prevista para este domingo (12:00 e 18:30 horas) baixa o pano de Domingos do Principal tras semanas de actividade, pero faino só como un punto e seguido contando as horas para regresar na súa próxima edición.