Duos Pontes pon á Boa Vila a bailar a muiñeira

Pontevedra
31 de maio 2025
Actualizado: 12:26

Grupos de toda a provincia protagonizaron este LII Día da Muiñeira, unha xornada de exaltación do baile tradicional galego organizada pola asociación Duos Pontes e o Concello de Pontevedra.

Día da Muiñeira
Día da Muiñeira / Mónica Patxot

Se o xoves foron miles de mozos os que tomaron a Alameda para defender unha língua viva este venres foron centos de rapaces, principalmente nenos e nenas de Pontevedra, os que celebraron neste mesmo espazo a nosa danza máis universal: a muiñeira.

Grupos de toda a provincia protagonizaron este LII Día da Muiñeira, nunha xornada de exaltación do baile tradicional galego, organizada pola asociación Duos Pontes e o Concello de Pontevedra.

Os actos comezaron coa concentración dos grupos participantes ás 19.00 horas na praza do Teucro.

A continuación, as formacións realizaron un desfile ata a avenida Montero Ríos, lugar onde tiveron lugar as actuacións ás 20.00 horas.

Así, bailaríns de asociacións, colexios e grupos celebraron unha exhibición de baile, interpretando diferentes pezas en función das súas idades.

O programa para os menores de oito anos incluía a Muiñeira de Mariñán.

Os de 8 a 13 anos bailaron a Muiñeira de Fozara e os maiores de 13 anos mostraron os seus movementos de baile ao ritmo da Muiñeira repenicada.

No tramo final bailouse unha jota de tres puntos e catro paseos (a Jota dos Encantiños) e un pasodobre (Pasodobre de Catoira) para rematar a festa.