E o Óscar turístico World Tourism Film Awards é para... 'Fame de experiencias?', vídeo promocional da Deputación

Pontevedra
10 de decembro 2020

A provincia de Pontevedra convértese na única en lograr un primeiro premio no certame mundial organizado polo Comité Internacional dos Festivais de Filmes de Turismo no que participaron 3.500 vídeos de máis de 120 países. O vídeo da Deputación venceu entre as 32 películas finalistas segundo se coñecía nunha gala online celebrada no Palacio Velvedere de Viena

Celebración do Premio World Tourism Film Awards na Deputación de Pontevedra
Celebración do Premio World Tourism Film Awards na Deputación de Pontevedra /

Este xoves, a organización do Comité de Internacional dos Festivais de Filmes de Turismo (CIFFT) comunicaba oficialmente a Turespaña e ao Ministerio de Turismo que o vídeo 'Fame de Experiencias?' da Deputación de Pontevedra, producido por Esmerarte, lograba o premio 'World  Tourism Film  Awards', considerado o Óscar do turismo.

O proxecto impúxose ante 32 cintas finalistas pertencentes a 14 países na votación dos xurados internacionais, que escolle cada ano o mellor audiovisual turístico do mundo. Pontevedra impúxose a Austria que ofrecía un vídeo sobre os Alpes e a Chile, que quedaron en segundo e terceiro posto.

Desta forma, 'Fame de Experiencias?' convértese na mellor película de turismo no mundo nunha edición na que participaron 3.500 proxectos de máis de 120 países. O premio dábase a coñecer nunha gala en liña celebrada este xoves 10 de decembro no Palacio  Belvedere de Viena.

A presidenta provincial Carmela Silva celebrou este premio acompañada da deputada de Turismo Ana Laura Iglesias e por Laura  Fontán e Alberto Baamonde de  Esmerarte. Silva considera que este premio enche de orgullo aos responsables da Deputación porque foi un dos primeiros traballos da nova liña de promoción turística da institución provincial enmarcada no respecto ao medio ambiente, á vangarda, á sustentabilidade e ás novas tecnoloxías.

Trátase da primeira vez que a Deputación presenta un vídeo en certames pero a presidenta provincial avanzou que seguirán facéndoo porque supón "un recoñecemento ao talento creativo da provincia e permite que a xente en todo o mundo coñeza que hai un destino turístico no Noroeste do Estado  españo que é un paraíso e ten tanto que ofertar para atraer visitantes que buscan algo diferenciador".

'Fame de Experiencias?' logrou diversos premios internacionais, tanto en Fitur como nos Golden City Gate de Berlín, New York Festivals TV & Film Awards, International Tour Film Fest de Bulgaria, Festival de Turismo de Riga, US International Film & Video de Os Ánxeles, SilaFest de Serbia, o Terres Festival, o Festival Internacional de Cine Turístico de Turquía, o TourFilm Festival de Zagreb en Croacia, os dous premios no Festival Art&Tur de Viseu en Portugal e o Premio de Ouro no Festival de Amorgos en Grecia.