Baixa de última hora para a gala Xacobeas en Concerto. A cantante Edurne, unha das súas cabezas de cartel, non poderá actuar en Marín. Suspendeu toda a súa actividade profesional debido a cuestións de saúde que, segundo ela mesma recoñeceu, arrastraba desde hai un tempo.
A través das súas redes sociais, a artista madrileña confirmou que os médicos aconselláronlle facer este parón, en principio ata o próximo mes de agosto, para poder recuperarse dos problemas que arrastra na voz.
"Hai máis ou menos un mes conteivos que estaba un pouco regular da voz e mandábanme repouso vocal sen cantar unhas semanas. Tentei compaxinar o traballo que tiña, sen cantar, pero desgraciadamente non puiden recuperarme", explicou Edurne.
Xunto co seu equipo, continúa a artista na súa publicación, tomou a decisión de cancelar todos os seus compromisos no próximas tres semanas e gardar un repouso vocal absoluto ata agosto "para poder recuperarme ao 100%".
Edurne afirma que quere regresar á súa xira estival "máis forte que nunca" e, en mensaxe aos seus seguidores, conclúe dicindo que "estou a desexar vervos e que cantemos e bailemos xuntos".
Xacobeas en Concerto, que se celebrará este venres 15 de xullo en Marín, queda por tanto cunha nómina de artistas que inclúe a Ana Mena, Beatriz Luengo, Tanxugueiras, La Mala Rodríguez, Nia Correia, Ana Guerra, Eva B, Carolina Rubirosa, Yoli Saá e Ainoa Buitrago.
A entrada é gratuíta e o concerto, que será na Praza de España, comezará ás dez da noite.