A gala dos Premios Feroz 2026 xa ten a todos os seus presentadores. A última en incorporarse ao cuarteto que conducirá a cerimonia é a actriz catalá Elisabet Casanovas.
Súmase así ao tres nomes xa anunciados previamente, a artista multidisciplinar Samantha Hudson e os actores Antonio Durán 'Morris' e Petra Martínez.
Os Premios Feroz 2026 entregaranse por segundo ano consecutivo en Pontevedra. Será o sábado 24 de xaneiro no Recinto Feiral.
"Divírteme pensar que formar parte dos presentadores dos Premios Feroz deste ano é como ser parte dunha repartición coral que irá abrindo as portas aos verdadeiros protagonistas da noite", sinala Casanovas.
Asegura estar "moi agradecida" pola confianza que deposita nela a organización duns premios que "sigo de cerca e creo no seu criterio e compromiso".
Ela mesma estivo nomeada en 2023 como mellor actriz de repartición pola serie La Ruta, un fito do que garda "moi bo recordo". Aínda que afirma que "xa empezo a ter nervios", a actriz confía en "estar á altura" e poder celebrar en Pontevedra a ficción actual e futura".
Elisabet Casanovas (Barcelona, 1994) fíxose moi popular polo seu personaxe de Tània nas tres tempadas de Merlí.
Recentemente estreou El Centro con Juan Diego Botto e Tristán Ulloa, e Las abogadas dando vida a Cristina Almeida, xunto a Irene Escolar, Paula Usero e Almudena Pascual.
En cine debutou en 2019 con Ardara de Raimon Fransoy e Xavier Puig, e despois puidémola ver en Chavalas de Carol Rodríguez Colás, Fuimos canciones de Juana Macías e Las leyes de la frontera de Daniel Monzón.
As súas últimas longametraxes foron El rastro del lobo de Ángeles Hernández e Campamento Garra de Oso de Silvia Quer.
Trátase dunha intérprete versátil que tamén traballa habitualmente en teatro. Actuou en Monroe-Lamarr, Kassandra e La senyora Florentina i el seu amor Homer e desde este mes interpreta a Jo na versión libre do clásico de Louisa May Alcott Mujercitas.