Este ano os Premios Feroz prometen máis retranca que nunca, e non é para menos: Antonio Durán "Morris" será un dos catro condutores dunha gala que será metade "pracer", metade "respecto" e 100% canalla. Así o soltou el mesmo desde o escenario do Teatro Principal de Pontevedra.
Foi alí onde se anunciou que esta icona da TVG acompañará a Samantha Hudson.
Morris entrou no Teatro Principal do brazo do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, como quen entra na voda da súa curmá favorita, e o público recibiuno con aplausos.
Con ese humor galego tan seu e a honestidade por diante, Antonio Durán Morris confesa que subirse ao escenario dos Premios Feroz como presentador lle fai moita ilusión... pero tamén lle impón bastante. "Para min é un pracer e, ao mesmo tempo, un reto", asegura. E non é para menos: hai xa tempo que deixou atrás o mundo da comunicación e a presentación, e hoxe o seu día a día móvese máis entre cámaras de cine, estudios de televisión e escenarios de teatro, sempre metido na pel dalgún personaxe.
"Presentar esta gala apeteceume moito, primeiro porque son os Feroz, que teñen ese punto irónico, gamberro coa profesión... e iso encántame. Que se celebre en Pontevedra tamén suma, claro. E ademais, eu mesmo recibín un Feroz en 2019, en Bilbao, así que coñezo a gala desde dentro. Pero tamén dígoche: me acojona un pouco".
Non se trata de medo escénico, algo impensable para quen leva 46 anos no oficio, senón de respecto. "Todo o que teña que ver con enfrontarse ao público en directo merece moitísimo respecto. Estou máis afeito a agocharme detrás de personaxes, e iso sempre dá unha capa de protección. Cando estás ti só, sen filtro, a cousa cambia".
Morris lembra que si, houbo unha época na que exercía como presentador na TVG, pero diso hai xa tres décadas. "Desde entón, non o fago. E é curioso, porque ás veces o labor dos presentadores, dos comunicadores, parece sinxela, pero non o é". "Hai que atopar un punto xusto, ese equilibrio con certa elegancia para dicir as cousas e transmitir ben".
Aínda así, lánzase á aventura con ganas e con ese carisma que o fixo inesquecible en todas as súas personaxes. Esta vez sen disfrace, sen personaxe… pero con moitas táboas.
Nunha charla animada co director e produtor executivo da Gala dos Premios Feroz, Fernando de Luís-Orueta, Morris acepta con ledicia que para moitos el sempre será aquel alcalde entrañable de Padre Casases, o cuñado en Pratos Combinados, lembraranlle a mítica frase de "a cona, Josito" ou o identificarán pola súa interpretación de Manuel Charlín na serie Fariña.
A primeira en animarse a preguntar desde o público foi a xornalista Meli Fandiño que lle preguntou ao actor se a organización da Gala dáballe liberdade para poder improvisar durante a súa presentación "eu cíngome ao guión", asegurou, "se me puxese a improvisar, estaría mexando fóra do testo. Os guionistas fan un gran traballo e isto é un espectáculo grande e moi pautado" respondeu recalcando a importancia de saber traballar en equipo e respectar aos compañeiros.
Este martes Morris tiña o día libre e por iso puido coller o tren para vir a Pontevedra, logo regresa a Madrid, onde está a dalo todo en 1936, unha obra de teatro de máis de catro horas que pronto se irá de xira.
Antes de marchar o actor asinou no Libro de Honra do Concello onde deixou escrito "grazas pola hospitalidade. Presentar os ‘Feroz’ nunha cidade ‘Feroz’ é un pracer. Grazas, Miguel".
A partir de agora a Boa Vila mergúllase na programación paralela dos Feroz que arrincou xa este martes con esta presentación.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.