A gastronomía consolídase como un dos grandes alicerces de PortAmérica 2025,, que celebrará a súa décimo terceira edición os vindeiros 4, 5 e 6 de xullo na Azucreira de Portas.
O festival confirmou a participación de 30 chefs de primeiro nivel que acumulan 18 Estrelas Michelin, 2 Estrelas Verdes e 2 Bib Gourmand, convertendo o recinto nun auténtico epicentro da alta cociña internacional.
Nas últimas horas confirmáronse once incorporacións co chef mexicano Fabián Delgado, os colombianos Catalina Vélez, Iván Cadena, María Teresa Vélez e María Adelaida Moreno, e españois como Lara Roguez, David García, Andrea Lago, Alberto López, Sergi Aritzeta e Carito Lourenço.
Todos eles únense a un cartel gastronómico liderado polo galego Pepe Solla e que inclúe a figuras da talla de Albert Adrià (Enigma, 1 Estrela Michelin), Maca de Castro (1 Estrela Michelin e 1 Estrela Verde) e Iván Cerdeño (2 Estrelas Michelin).
O espazo ShowRocking, galardoado en múltiples ocasións, volverá ser o punto de encontro entre gastronomía e música, reforzando o carácter dun festival que quere superar o concepto tradicional de evento musical.
A sección de pastelaría estará representada por mestres como Jordi Roca (Celler de Can Roca, 3 Estrelas Michelin e 1 Estrela Verde), Felipe Tomita e Irene Amat.
No apartado musical, PortAmérica completou o seu cartel coas incorporacións de Javier Lekker, Martina Dirosso e Diego Lara, que se suman a un programa que xa contaba con artistas da categoría de Melendi, Emilia, Mikel Izal, Love of Lesbian, Molotov, Los Tigres del Norte e Viva Suecia, entre outros.
O festival distribúe a súa programación en tres xornadas temáticas que comezarán o xoves 4 con Mikel Izal e Los Tigres del Norte como cabezas de cartel, seguidos o venres por Emilia, Love of Lesbian, Molotov, Iván Ferreiro e Alcalá Norte pechando o sábado con Melendi, Viva Suecia, Sidonie e Duncan Dhu, como principais estrelas.

Como novidade este ano, PortAmérica amplía a súa proposta artística incorporando a danza coa participación do Grupo de Baile Senior da UNED Pontevedra e Combai Danza (Fundación Igualarte), para potenciar a inclusión social e a diversidade xeracional. Ademais, o terceiro escenario do festival contará coa animación diaria da Duendeneta e outros DJs.
Para quentar motores, o festival organizou dous showcases gratuítos en colaboración con FNAC: o primeiro con Merino o 14 de xuño na Coruña e o segundo con Carla Lourdes o 21 de xuño en Vigo, ambos ás 19:00 horas.
Os asistentes que desexen vivir a experiencia completa poderán aloxarse no glamping situado no Camping Río Ulla, con tendas totalmente equipadas e servizo de transporte incluído, ou na zona de camping situada a apenas 5 minutos a pé do recinto.
Xa está dispoñible en prevenda unha edición limitada de merchandising oficial a través de tiendaesmerarte.com.
PortAmérica, organizado por Esmerarte Industrias Creativas, fortalece nesta edición os lazos culturais entre España e Iberoamérica, fusionando música, gastronomía e comunidade.
As entradas están á venda neste enlace de PortAmérica.