Emilio Cao recibirá o galardón honorífico nos Premios Martín Códax da Música 2024

Pontevedra
07 de maio 2024

O músico compostelán está recoñecido pola recuperación da arpa e recibirá a homenaxe do sector musical na gala prevista para o mércores 15 de maio no Pazo da Cultura de Pontevedra. Emilio Cao destaca para Músicas ao Vivo por ser "unha figura clave na apertura da música galega ao ámbito internaiconal"  

Portada do álbum 'Sinbad en Galicia', de Emilio Cao
Portada do álbum 'Sinbad en Galicia', de Emilio Cao

O músico compostelánEmilio Cao (Santiago de Compostela, 1953) recibirá no Pazo da Cultura de Pontevedra o próximo mércores 15 de maio o galardón honorífico da undécima edición dos Premios Martín Códax da Música.

Ao compositor recoñéceselle así o seu labor ao longo dunha ampla carreira na que loitou pola recuperación do arpa celta para a música galega, un instrumento que fora esquecido desde o medievo. De maneira autodidacta, Cao logrou converterse nun renovador e finalmente nunha figura crave na apertura de fronteiras para a música galega no ámbito internacional.

O músico penetrou, con tan só 24 anos, na música europea nos anos da ditadura, trasladdando sons da música celta para convertela nun referente na escena galega.

En 1977 publicaba o disco 'Fonte do Araño', que reunía a intérpretes como Xoán Piñón e Bernardo Martínez, de DOA, ou a Antón Seoane e Xosé Ferreirós, de Milladoiro. Este álbum contaba coa produción de Nonito Pereira e ofrecía música tradicional con improvisación e pop-rock. 

Pero, ademais, ese traballo presentaba a colaboración dun referente como Alan Stivell, un cantante e arpista considerado unha "vaca sacra" en Bretaña e en Europa. O disco supuxo a entrada dunha nova corrente ao panorama musical dos anos setenta en Galicia.

Posteriormente publicaría A Lenda da Pedra. (Guimbarda, 1979), No manto da auga. (Guimbarda, 1981), Amiga Alba e Delgada (Edigal 1986, Boa-Do Fol, 1998, reedición), Cartas Mariñas (Lyricon 1992, Boa-Do Fol, 1998, reedición) e Sinbad en Galicia. (1996, Boa-Do Fol). En todos eles existe unha evolución na linguaxe e estilos dun músico que, nos seus inicios, colaboraba como baixista e guitarrista co grupo de rock progresivo e psicodélico N.H.U., que recibiu o galardón honorífico dos Premios Martín Códax da Música no ano 2014.

Tamén acompañaba a Benedicto e a Bibiano en Voces Ceibes. A partir dos oitenta, Emilio Cao realizou bandas sonoras para teatro da man de Roberto Vidal Bolaño, para audiovisuais e para espectáculos de danza. Ademais realizou concertos en distintos puntos de Europa, pero o seu principal punto de referencia foi Portugal establecendo colaboracións con artistas como Fausto ou Carlos Paredes.

No ano 98 participou en Cántame as miñas Cancións, un álbum tributo a Jackson Browne no que tamén colaboraban Kiko Veleno, Luis Eduardo Aute, María del Mar Bonet ou Jabier Muguruza.

Por outra banda, Emilio Cao caracterízase por ser un gran compositor de músicas para obras poéticas. Traballou sobre obras de Manuel Antonio, Suso de Toro, Anxo Ballesteros ou Xesús Ron, pero tamén se achegou á obra de Rosalía de Castro e de Uxío Novoneyra, autor co que realizou o traballo 'Interseccións'.

VOTACIÓNS 

Ata o 12 de maio, aquelas persoas asociadas a Música ao Vivo e o público en xeral teñen a oportunidade de votar os proxectos finalistas dos premios Martín Códax da Música 2024.

Deberán facelo nun mínimo de cinco categorías e validar a votación para que sexa efectiva. No reconto final de votos, o 50% corresponderá á votación do público e a outra metade ás persoas integrantes de Músicas ao Vivo.

Os premios Martín Códax da Música está organizados polo colectivo Músicas ao Vivo, en colaboración e apoio das Adegas Martín Códax, Concello de Pontevedra, Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, e Deputaciónj de Pontevedra.