A épica de John Ford protagoniza os martes de marzo no Cineclube Pontevedra

Pontevedra
26 de febreiro 2026

O Cineclube Pontevedra dedica marzo a un ciclo sobre John Ford con catro clásicos, recupera os Luns de Filmoteca e programa unha retrospectiva dos cineastas Travis e Erin Wilkerson

Imaxe do filme 'As uvas da ira' Cineclube Pontevedra

O Cineclube Pontevedra centrará os martes de marzo na figura dun dos grandes mestres da historia do cinema, John Ford, considerado o narrador por excelencia da épica estadounidense.

O ciclo estará composto por catro títulos inesquecibles para desfrutar na gran pantalla: As uvas da ira (1940), Que verde era o meu val! (1941), Paixón dos fortes (1946) e O home que matou a Liberty Valance (1962).

Por outra banda, regresan os Luns de Filmoteca, unha iniciativa que achega a Pontevedra unha selección da programación vixente da Filmoteca de Galicia.

Ao longo de marzo e tamén en abril, e coa colaboración do Intersección – Festival Internacional de Cine de A Coruña, o público poderá descubrir a obra dos cineastas contemporáneos Travis e Erin Wilkerson, cualificados pola revista Sight & Sound como "a conciencia política do cinema estadounidense".

A súa filmografía, radical e imprescindible, combina ensaio político, memoria histórica, materiais de arquivo e relato en primeira persoa, tecendo pontes entre o activismo e a forza expresiva das imaxes, todo desde unha produción deliberadamente austera en medios.

MARTES 3  | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL DE PONTEVEDRA

AS UVAS DA IRA

The Grapes of Wrath, John Ford, 1940, Estados Unidos, duración 129 minutos. Lingua orixinal: inglés. Oscar á mellor dirección e actriz secundaria en 1940.

Tom Joad (Henry Fonda) regresa ao seu fogar tras cumprir condena na prisión, pero a ilusión de reatoparse cos seus transfórmase en frustración ao ver como son expulsados das súas terras. Para fuxir da fame e a pobreza, a familia non ten máis remedio que emprender unha longuísima viaxe chea de penalidades coa esperanza de atopar unha oportunidade en California, a terra prometida.

LUNS 9 | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL DE PONTEVEDRA

AN INJURY TO ONE, Travis Wilkerson, 2002, Estados Unidos, duración 53 minutos. Lingua orixinal: inglés

Filme antisocial sobre o socialismo, en palabras do seu director. É a propia voz de Wilkerson a que narra o saqueo da vila mineira de Butte (Montana) por parte dos poderes capitalistas, encarnados na compañía Anaconda. O resultado: 10.000 mineiros mortos, 25 billóns de dólares de beneficio pola extracción de cobre e, como fito simbólico, o asasinato, en 1917, de Frank Little, un dos lendarios Wobblies, sindicalistas que loitaban polos dereitos dos traballadores desde unha óptica socialista. Un crime que o director fai reverberar como gran metáfora do devir do capitalismo global.

An Injury to One foi nomeado un dos mellores filmes de vangarda da década por Film Comment e "fito do cinema político" por LA Times.

MARTES 10 | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL DE PONTEVEDRA

QUE VERDE ERA O MEU VAL! (How Green Was My Valley), John Ford, 1941, Estados Unidos, duración 118 minutos. Lingua orixinal: inglés.

Nunha vila mineira de Gales viven os Morgan, todos eles mineiros e orgullosos de selo, e tamén de respectar as tradicións e a unidade familiar. Non obstante, a baixada de salarios provocará un enfrontamento entre o pai e os fillos. Mentres estes están convencidos de que a unión sindical de todos os traballadores é a única solución para facérenlles fronte aos patróns, o cabeza de familia, pola contra, non quere nin sequera oír falar de sindicatos nin de socialismo.

Oscar ao mellor filme, director, actor secundario, fotografía e dirección artística en 1941.

MARTES 17 | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL DE PONTEVEDRA

PAIXÓN DOS FORTES, John Ford, 1946, Estados Unidos, duración 97 minutos. Lingua orixinal: inglés.

A Wyatt Earp (Henry Fonda), antigo shériff de Dodge City, ofrécenlle o posto de comisario da cidade de Tombstone, pero rexéitao porque lle interesa máis o negocio de gandeiro ao que se dedica cos seus irmáns. Mais cando un deles morre asasinado, acepta o posto vacante e nomea axudantes os seus irmáns. Contará tamén coa amizade e a colaboración dun xogador e pistoleiro chamado Doc Holliday (Victor Mature). Paixón dos fortes é a máis célebre das versións que narran o mítico tiroteo en O.K. Corral entre o shériff Wyatt Earp, axudado polo seu amigo Doc Holliday, e os irmáns Clanton. 

LUNS 23 | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL DE PONTEVEDRA

MACHINE GUN OR TYPEWRITER?, Travis & Erin Wilkerson, 2015, Estados Unidos, duración 72 minutos, Versión orixinal subtitulada. Lingua orixinal: inglés.

No contexto do movemento Occupy, unha voz en off emite desde unha radio clandestina de Los Angeles despregando a procura obsesiva por un amor perdido que desapareceu sen deixar rastro. O relato serve de pretexto para desempoar historias ciscadas ao longo do século XX, sobre a cidade de Los Angeles, o imperialismo estadounidense e algúns movementos políticos da década dos 70. Wilkerson hibrida documental, ficción e ensaio audiovisual nunha peza punk-agit-noir debedora do cinema de Chris Marker.

MARTES 24 | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL DE PONTEVEDRA

O HOME QUE MATOU A LIBERTY VALANCE (The Man Who Shot Liberty Valance), John Ford, 1962, Estados Unidos, duración 123 minutos, Versión orixinal subtitulada. Lingua orixinal: inglés.

Ransom Stoddard (James Stewart), un ancián senador do Congreso dos Estados Unidos, explica a un xornalista por que viaxou coa súa muller (Vera Miles) para asistir ao funeral do seu vello amigo Tom Doniphon (John Wayne). A historia comeza moitos anos antes, cando Ransom era un mozo avogado do leste que se dirixía en dilixencia a Shinbone, unha pequena vila do Oeste, para exercer a avogacía e impoñer a lei. Pouco antes de chegar, foi atracado e golpeado brutalmente polo temido pistoleiro Liberty Valance (Lee Marvin).