Escolares e pais poderán participar no terceiro Certame de Relato Curto da Fanpa

Pontevedra
12 de xaneiro 2015

O prazo para presentar os relatos rematará o 28 de febreiro e vai destinado a alumnos de Primaria, Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional, ademais de adultos que convivan con alumnos ou teñan fillos en Educación Infantil

Presentación do III Certame de Relato Curto Mónica Patxot

Os alumnos dos centros públicos da provincia de Pontevedra de Primaria, Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional, ademais dos adultos que convivan con alumnos ou teñan fillos en Educación Infantil, contan coa oportunidade de participar na terceira edición do Certame de Relato Curto que orgtaniza a Federación provincial de ANPA de Centros Públicos de Pontevedra (FANPA) coa colaboración do Concello e a Deputación de Pontevedra, ademais da editorial Kalandraka.

O prazo para a presentación de textos finaliza o 28 de febreiro e as bases do concurso consultaranse na web da FANPA: www.nontedurmas.org e as obras poderán enviarse ao correo certame.relatocurto@nontedurmas.org

Este luns 12 presentouse no Concello de Pontevedra coa intervención do concelleiro de Xuventude, Demetrio Gómez, e a deputada de Cultura, Ana Isabel Vázquez, a convocatoria deste ano na que, por primeira vez, poderán participar alumnos de Formación Profesional. Establécense catro categorías: Primaria, Secundaria, Bacharelato e Adultos e o xurado seleccionará ata un máximo de cen finalistas, dos que se designarán os catro gañadores, un por cada sección.

Os gañadores e finalistas recibirán un libro colectivo cos seus textos deseñado e producidos pola editorial Kalandraka. Ademais, os premios para cada categoría constan dun vale de 200 euros e dun lote de libros de Kalandraka, un xogo e unha lámina do ilustrador Marc Taeger. O obxectivo desta proposta é que a lingua galega estea presente na vida cotiá e familiar.