As entradas xa están esgotadas para o concerto previsto por Guadi Galego no Teatro Principal de Pontevedra o 13 de abril para presentar o novo directo 'Síntese Horizonte'.
A cantante de Cedeira presentaba esta fin de semana no Teatro Principal de Compostela e no Teatro Jofre de Ferrol, tamén con todas as entradas vendidas, o seu novo traballo que leva por título 'Roibén'. A xira continuará con esa actuación en Pontevedra na que tamén soarán temas dos seus anteriores traballos.
O concerto de Guadi Galego inclúese no ciclo 'Resoan', que leva xa tres concertos nos que as localidades se han esgotado con antelación ao concerto. Sucedía esta fin de semana con Morgan e tamén xa se atopan vendidas todas as localidades do concerto de Albert Plá previsto para o 24 de febreiro no Teatro Principal.
Polo momento, aínda quedan entradas para o concerto de Mahmood o domingo 12 de maio ás 20.30 horas. As localidades á venda pertencen ás zonas C e D do Pazo da Cultura, segundo informa o Concello de Pontevedra. Pódense adquirir a través de Ataquilla.com
Tamén se atopan dispoñibles a un prezo de 10 euros as do recital de Maneiro, cita musical prevista para o 2 de marzo, ás 20.00 horas. Nesta actuación. o integrante de Heredeiros da Crus presenta o seu traballo en solitario 'Un bonito despertar', disco cheo de enerxía con elementos recollidos ao longo da súa ampla traxectoria.