O Museo de Pontevedra converterase este xoves 28 de maio nun espazo de encontro arredor da figura de Mercedes Ruibal e Agustín Pérez Bellas.
Será coa celebración da primeira sesión do seminario Tecendo pinturas. As artes de Mercedes Ruibal e Agustín Pérez Bellas, unha proposta que afonda na traxectoria artística, literaria e vital desta parella fundamental da cultura galega do século XX.
A actividade desenvolverase a partir das 16:30 horas no Edificio Castelao e forma parte da programación paralela da exposición dedicada aos dous creadores, que pode visitarse ata o 28 de xuño.
O seminario, dirixido pola comisaria da mostra, Cristina Villaverde Ruibal, contará con acceso libre e ofrecerá certificado de asistencia ás persoas inscritas previamente.
A sesión inaugural abrirase cun relatorio da propia Villaverde Ruibal, centrado nos primeiros anos de Mercedes Ruibal e na súa relación con Xeve e Pontevedra, así como na experiencia migratoria da artista na Arxentina, onde descubriu a pintura da man de Laxeiro.
Tamén abordará a importancia do Sobral, a casa familiar que funcionou como fogar e espazo creativo da parella.
O programa continuará coa intervención da escritora Marga do Val, que revisará o libro Confesiones de volatinera con bragas de repuesto al dorso, publicado por Ruibal en 1978 e recibido con desconcerto na súa época. A autora proporá unha nova lectura dunha obra singular e avanzada ao seu tempo.
Pola súa banda, Xosé Enrique Acuña analizará a relación entre arte e política a través das figuras de Mercedes Ruibal e Julia Minguillón, mentres que Graciela Baquero achegarase á dimensión literaria da parella, desde a poesía ata os diarios de viaxe e outros textos creativos.
A xornada pecharase coa proxección do documental de TVE en Galicia Homenaxe a Pérez Bellas, realizado en 1983 coincidindo co primeiro aniversario da morte do pintor e arquitecto.
O seminario terá continuidade o 19 de xuño cunha segunda sesión na que o arquitecto José Luis Varela Alén afondará na faceta arquitectónica de Pérez Bellas, moitas veces eclipsada pola súa obra pictórica.
Ademais, a artista visual Beatriz Ruibal presentará Roma, 1974, un proxecto de recuperación da memoria da comunidade artística internacional que conviviu no barrio romano de Trastevere nos anos setenta, da que formaron parte Mercedes Ruibal e Agustín Pérez Bellas xunto a figuras como Rafael Alberti ou María Teresa León.