Pontevedra converteuse este 14 de abril no centro do xornalismo galego coa presentación do gañador do XXII Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa.
O galardón recaeu no xornalista galego José Precedo, redactor de elDiario.es, distinguido pola súa traxectoria no xornalismo político e de investigación en Galicia e España, así como pola súa defensa da ética profesional e do rigor informativo. O premio recoñece tamén o seu compromiso co xornalismo independente.
O acto, celebrado no Concello, contou coa participación da decana do Colexio de Xornalistas de Galicia, Belén Regueira; o secretario do premio, Darío Janeiro; o alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores; e a concelleira de Promoción Económica e Mercados Anabel Gulías.
Este galardón, que en edicións anteriores levaba o nome de Premio José Couso, recoñece "o traballo das e dos xornalistas que, co seu labor, defenden o dereito a informar e a ser informados de forma veraz", tal e como destacou o secretario do certame.
Durante o evento comentouse o proceso de selección, no que participan directamente os colexiados e colexiadas. Remarcando que non se trata de determinar quen merece máis o premio, senón de visibilizar situacións relacionadas coa defensa ou a ameaza da liberdade de prensa.
Antes de anunciar o gañador, presentáronse as outras candidaturas finalistas, representativas de distintas perspectivas do ámbito xornalístico.
Desde Estados Unidos, a correspondente Mary Bruce, de ABC News, foi recoñecida polas súas preguntas incisivas ao poder político, mesmo ante figuras como Donald Trump.
Desde Nicaragua, a candidatura colectiva de Xornalistas Independentes simboliza a loita diaria contra a censura, o exilio e a persecución.
O reconto de votos, celebrado o 9 de abril en Santiago e supervisado por Héctor Pardo García, do Ilustre Colexio Notarial de Galicia, deu como resultado a vitoria de Precedo "con maioría suficiente", segundo explicou o secretario do premio.
A entrega do galardón terá lugar o próximo 9 de maio ás 12:00 horas na Casa Consistorial de Pontevedra. Espérase que o acto sexa non só unha cerimonia de recoñecemento, senón tamén unha reafirmación colectiva do valor do xornalismo sinalou Belén Regueira.
Por outra banda, a decana defendeu a importancia deste galardón como punto de encontro en tempos difíciles: "somos intermediarios e intermediarias dun dereito que non é noso, senón de toda a sociedade: o dereito a recibir información veraz, algo tan esencial como respirar aire limpo".
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.