'As mulleres que opinan son perigosas' regresa para seguir abrindo camiños

Este venres 13 de marzo empezou a novena edición do foro organizado polas xornalistas Diana López e Susana Pedreira

Acto de benvida 'As mulleres que opinan son perigosas'
Acto de benvida 'As mulleres que opinan son perigosas' / Alberto de Madrid Lafuente

Este venres 13 de marzo comezou a novena edición do encontro 'As mulleres que opinan son perigosas' cun acto de benvida encabezado polas xornalistas creadoras do proxecto, Diana López e Susana Pedreira, acompañadas por Anabel Gulías, concelleira de Igualdade, e Luís López, presidente da Deputación de Pontevedra.

A iniciativa conseguiu traer a numerosas referentes no mundo da comunicación, celebrando que, desde o seu inicio en 2018, xa participaron máis de 100 mulleres.

Rebeca Yanke García, do xornal El Mundo, Carmela Ríos Calvo, de El País, ou Neves Domínguez Amil, de La Voz de Galicia, son algunhas das invitadas que presentarán os diferentes coloquios que se levaran a cabo ao longo das xornadas.

A cerimonia iniciou coa proxección dun fragmento do documental estreado en outubro de 2025, que recolle opinións e experiencias das persoas que asistiron a edicións pasadas.

Con este vídeo, Susana Pedreira remarca que é "o público e as persoas relatoras os que cada ano foron facendo medrar este espazo de seguridade", conseguindo "reforzar a confianza propia" e abrir o camiño a máis mulleres a opinar.

Por outra banda, ante a situación actual que enfronta o feminismo e as vítimas de violencia de xénero, Diana López reivindica a necesidade de organizar este tipo de eventos para "volver abrir unha e outra vez esa conversa moitas veces incómoda para a sociedade".

Durante esta introdución, fíxose mención á forma na que se infravalora ás mulleres con este tipo de propostas, cuestionándose os motivos que as levan a idear estas actividades.

Novena edición 'As mulleres que opinan son perigosas'
Novena edición 'As mulleres que opinan son perigosas' Sergio Guillermo Lourés Miranda

Anabel Gulías, concelleira de Igualdade, falou da súa intención de "poñer o feminismo no centro do debate, porque cando falamos de feminismo, falamos de devolver os dereitos básicos, non a un colectivo, senón a máis da metade da poboación".

Dentro das actividades máis destacadas atópase 'Datos, voces e contexto: claves para ou tratamento informativo das violencias machistas', que se desenvolverá ás 17.00 horas do venres e está dirixida pola xornalista do Diario de Arousa, Fátima Frieiro Santaya.

O sábado 14 de marzo continuará o programa con 'relatorios' como "As mulleres no xornalismo musical", protagonizada por Sara Morales Fontes, xornalista e directora da revista musical Efe Eme, sendo unha temática nova este ano.

O foro finalizará ás 19.15 horas con "Vinte anos de actualidade en directo", da man de Helena Resano Lizaldre, xornalista en La Sexta Noticias.

Ademais, este ano terá lugar a cuarta edición do Premio de Opinión Mulleres que Opinan. Todas as persoas que queiran participar poderán consultar as bases do certame a partir do 16 de marzo no Boletín Oficial da Provincia, e poderanse envíar relatos até o 10 de abril.

As temáticas a tratar son libres, con todo, é necesario que partan de ideas tratadas durante estes encontros.

Para finalizar o acto de inauguración deste venres, Luís López, o presidente da Deputación de Pontevedra, agradeceu ás organizadoras desta iniciativa, necesaria "para expandir ata Pontevedra a busca dunha igualdade que non entende de fronteiras".

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora