Éxito de actividades e participación na Festa dos Libros

Pontevedra
25 de xuño 2018

Presentacións de libros, banda deseñada, revistas, coloquios e numerosas actividades para escolares e para adultos encheron de propostas literarias a praza da Ferrería durante tres días. A Festa dos Libros concluíu coa actuación de Mad Martin trío

Coloquio sobre Feminismo e Literatura
Coloquio sobre Feminismo e Literatura

Durante tres días, a praza da Ferrería converteuse nun centro de actividade literaria con numerosas actividades para todos os públicos e a presenza de decenas de escritores.

Entre as principais propostas destaca a mesa redonda sobre Feminismo e Literatura na que participaron Eli Ríos, Susana Aríns, María Reimóndez, Lara Rozados e a concelleira de igualdade de Pontevedra, Carmen Fouces.

Na última xornada desenvolveuse unha interesante charla-coloquio entre Xesús Alonso Montero e Julián Rodríguez Novo sobre a obra finalista do Premio Nacional de Literatura Dramática 2017, 'Unha morte Lanzal. A traxedia do Bou Eva'. Ademais, a poeta Tamara Andrés e Marcus-Daniel Cabada presentaban o primeiro número da revista Ligeia.

Xa durante a tarde analizouse a traxectoria de O Garaxe Hermético, a Escola profesional de Banda Deseñada de Galicia, de Kiko da Silva, coa presenza de Miriam Iglesias, recentemente premiada nun certame europeo, Fonso Barreiro ou Manuel Tudela. Presentábase neste acto a novela gráfica de carácter colectivo 'Picoto do Pai'.

Arantza Portabales e Suso de Toro foron os últimos escritores nestas xornadas que contaron con numerosas actividades tamén para os máis pequenos. Os actos remataron co concerto de Mad Martin Trío. Numeroso público pasou polos postos de venda das quince librerías que participaron nesta edición.