A Asociación Etnográfica Sete Espadelas, con sede en Pontevedra, está a vivir un momento de recoñecemento popular extraordinario.
A súa exposición "Traxes e cores de Galiza. A Indumentaria nacional na plástica de Castelao", instalada na Sala do Artesoado do Pazo de Fonseca en Santiago de Compostela, está a bater todos as marcas de asistencia e a converterse nun fenómeno social que desborda as expectativas máis optimistas.
Os datos falan por si sós: máis de 46.000 persoas visitaron a mostra durante o mes de xullo, xerando colas interminables e unha sala constantemente ateigada de público.
Estas cifras sitúan á exposición como unha das máis exitosas celebradas en Santiago nos últimos anos, confirmando a capacidade de atracción desta proposta cultural do colectivo pontevedrés.
A mostra, comisariada por José Luis Rodríguez Álvarez e David Quiñones Vázquez, presenta 55 manequíns vestidos con réplicas fidedignas dos traxes tradicionais galegos que Castelao inmortalizou nas súas obras.
Acompañan a estas pezas máis de 600 elementos entre obxectos etnográficos, ourivería antiga e reproducciones gráficas da obra do artista rianxeiro.
O éxito actual non é casual. Sete Espadelas xa demostrou a súa capacidade de convocatoria en 2022, cando a súa exposición "Ruth Matilda Anderson. Unha viaxe pola indumentaria tradicional de Galicia" se converteu na máis visitada do Museo de Pontevedra desde 2016, con 14.402 visitantes e 1.825 persoas participando nas visitas guiadas.
A exposición "Traxes e cores de Galiza" permanecerá aberta ata o sábado 30 de agosto, de luns a sábado, en horario de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 horas.
As visitas guiadas polos comisarios celébrase os sábados ás 11:00 e 12:15 horas, sendo imprescindible a inscrición previa en seteespadelas@gmail.com.