Unha exposición con facsímiles e debuxos do álbum 'Cousas da vida' homenaxea a Castelao en Barro

Barro
22 de novembro 2025

O Concello, Abanca e Afundación inauguraron no salón de actos da biblioteca pública a mostra 'Castelao grafista (facsímile)'. Poderase visitar ata o próximo 19 de decembro

Exposición Castelao grafista (facsímile)
Exposición Castelao grafista (facsímile)

Ata o 19 de decembro pode visitarse en Barro a exposición 'Castelao grafista (facsímile)'.

O Concello de Barro, Abanca e Afundación inauguraron a mostra no salón de actos da biblioteca pública municipal.

Ao acto asistiron o alcalde do Concello de Barro, Xosé Manuel Fernández; o coordinador institucional de Abanca en Pontevedra, José Luís Romero; e a coordinadora da área de cultura de Afundación, Marité Cores.

Permanecerá aberta os luns, mércores e venres en horario de 9.00 a 14.00 horas, e os martes e xoves, de 16.00 a 21.00 horas.

Esta mostra organízase no marco da conmemoración en 2025 do Ano Castelao como homenaxe ao insigne intelectual e político rianxeiro.

A mostra reúne facsímiles da colección de arte de Afundación e debuxos do álbum Cousas da vida de Castelao.

Ademais, poderanse ver retratos fotográficos, caricaturas e debuxos e portadas de revistas.

A exposición, que conta con pezas procedentes das coleccións de arte de Abanca e Afundación, componse dunha selección rigorosa de obras nas que se reflicte a evolución tanto do compromiso ético, social e político do artista rianxeiro, como dos seus recursos plásticos e a súa querenza pola ilustración.

A mostra está incluída no seu programa 'Corrente cultural' e na iniciativa 'Cultura por alimentos' que Afundación leva a cabo en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos coa finalidade de achegar alimentos de primeira necesidade aos bancos de alimentos locais.

A entidade convida aos visitantes a colaborar con esta iniciativa a través da doazón de alimentos non perecedoiros ao visitar a mostra.

Inauguración da exposición 'Castelao grafista (facsímile)'
Inauguración da exposición 'Castelao grafista (facsímile)'Afundación