A sala O Abrigo da Facultade de Belas acolle ata o próximo 28 de novembro a exposición fotográfica Ucraína máis alá da guerra, comisariada pola historiadora de arte Yuliia Pantiukh.
Trátase dunha escolma de imaxes de seis fotógrafos e fotógrafas deste país, coas que busca reflectir "outra faceta menos visible para os cidadáns: a vida cotiá da sociedade ucraína".
E é que Pantiukh subliña que desde a invasión rusa a comezos de 2022, a guerra marcou a imaxe que os medios de comunicación trasladan de Ucraína.
Isto, segundo a coordinadora da mostra, máis aló de facer visible o conflito, pode contribuír a trasladar unha "percepción distorsionada" deste país.
"Parece que é un territorio baleiro e devastado onde non queda nada", sostén esta historiadora.

Natural do Donbás, Yuliia Pantiukh presenta por primeira vez un proxecto para o que seleccionou catorce fotografías, tomadas entre 2022 e 2024 por Herman Krieger, Borys Kulikovskyi, Serhiy Lastochka, Oleksandr Zanin, Anastasiia Tiutiunnyk e Viktoriia Nedilia.
Son imaxes urbanas nas que "necesariamente" aparecen persoas na súa rutina cotiá, o que permiten observar a vida en Ucraína "desde perspectivas diversas e complementarias".
A comisaria sinala que pese a que a cobertura informativa da guerra é "extremadamente importante", implica que a cidadanía perciba só as imaxes "máis tráxicas" da realidade ucraína.
"A idea da exposición nace precisamente da necesidade de mostrar a outra cara, como as persoas seguen vivindo, que as rodea, que permanece, que cambia e como a vida continúa mesmo en condicións de incerteza", salienta.
