Faíscas da Pontraga e Zavala ofrecerán dous concertos gratuítos na nova edición de Música para reCREAr

Pontevedra
12 de setembro 2025

O xoves 18 de setembro actuará Faíscas da Pontraga e o 26 de novembro será a quenda de Zavala. Ámbalas actuacións serán no Teatro Principal de Pontevedra

Faíscas da Pontraga Faíscas da Pontraga

A Vicerreitoría do campus de Pontevedra da Universidade de Vigo, en colaboración co Concello de Pontevedra, presenta unha nova edición do ciclo Música para reCREAr, que ofrecerá dous concertos con entrada libre para achegar múltiples estilos e tendencias musicais á programación cultural da cidade.

O primeiro concerto terá lugar o xoves 18 de setembro ás 20:30 horas no Teatro Principal coa actuación de Faíscas da Pontraga, un grupo de música tradicional constituído en 2002 por un grupo de amigos para participar nun concurso de cuartetos tradicionais.

Ao longo dos seus 23 anos de traxectoria, a formación suma máis de 900 concertos dentro e fóra de Galicia.

Faíscas da Pontraga actuou en espazos destacados como o Festival Intercéltico de Lorient (Francia) ou no Festival Intercéltico de Ortigueira, onde en 2020 foron finalistas do concurso de novos valores Runas.

O grupo publicou os discos "Velaí ben!!" (2016) e "Longarela" (2022), nos que combinan cancións de autor con pezas recollidas tanto en Galicia como na diáspora.

O segundo e último concerto do ciclo chegará o 26 de novembro, tamén ás 20:30 horas, coa actuación de Zavala, unha formación que se asenta na música galega cunha proposta innovadora que mestura aspectos orgánicos e melódicos con texturas e bases electrónicas.

Zavala está integrada por Carla Romalde (voz e frauta traveseira), Ana Lage (baixo, piano, acordeón e coros), Elena Zas (piano, viola e coros), Carlos Castro (programacións, bases e visuais) e Víctor Ledo (guitarra e coros).

Zavala@roricharo - Zavala

O grupo publicou "Pequeno manual para grandes cambios I (teoría e práctica)" en 2023 e continuou este ano con "Pequeno manual para grandes cambios II (teoría e práctica)".

Ambos concertos contarán con entrada libre ata completar a capacidade do espazo.

O director da área adxunta á Vicerreitoría, Luis Torres, destaca que esta iniciativa busca desenvolver "unha programación cultural aberta a toda a cidadanía" e dar visibilidade ao Campus Crea.

O primeiro concerto insírese ademais nas actividades do I Congreso Internacional de Educación Transformadora: Ciencia, Comunicación e Sociedade.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora