Falece o creador multidisciplinar pontevedrés Carlos Taboada, aos 45 anos

Pontevedra
13 de agosto 2025
Actualizado: 14:44

Dor e estupor en Pontevedra pola morte repentina de Taboada aos 45 anos. Era unha das dúas patas do colectivo creativo 'Polo Correo do Vento' e da editorial Lela Edicións

Carlos Taboada
Carlos Taboada / Distrito Xermar

Dor e estupor en Pontevedra pola morte repentina de Carlos Taboada (Pontevedra, 1979-2025), ilustrador e escritor pontevedrés e unha das dúas patas do colectivo creativo 'Polo Correo do Vento'.

Taboada faleceu aos 45 anos este mércores 13 de agosto en Pontevedra, deixando un fillo e un gran baleiro no mundo da cultura e a educación da Boa Vila e de Galicia.

Creador multidisciplinar, destacou polo seu compromiso nos ámbitos da educación, a cultura e a lingua galega, enfocado ao público infantil.

Desde 'Polo Correo do Vento' e tamén desde o seu selo editorial Lela Edicións, creado xunto á súa parella, Joanna Lorenzo, ocupou un oco na literatura infantil pontevedresa, gañando gran popularidade na comunidade escolar e as familias.

O seu salto á palestra deuse no ano 2008. Tras estudar Publicidade e Relacións Públicas, este ano fundou, con Enrique Mauricio, 'Polo Correo do Vento', que nos últimos 17 anos non parou de realizar publicacións e actividades divulgativas na área da literatura infantil, a animación á lectura, a ilustración e a creación audiovisual.

Ademais, publicou dous títulos en solitario, como escritor e ilustrador, coa editorial Xerais, ambos os finalistas do Premio Merlín de Literatura Infantil. En 2018, publicou A biblioteca de Pedrarcana e este mesmo 2025, O caderno de Roque.

Con 'Polo Correo do Vento', con converteu, xunto con Mauricio, nun habitual de colexios e bibliotecas de toda Galicia, e labrouse o agarimo, o respecto e a admiración da comunidade escolar de toda Pontevedra.

Ademais de realizar narracións e ilustracións en directo e de presentar os seus libros polos centros escolares, desenvolveron o proxecto educativo 'O teu cole na historia', que creou murais xerados en diversos espazos de Pontevedra, ilustrando as súas historias e tradicións.

Na súa faceta de editor con Lela Edicións, publicou, xunto con Joanna Lorenzo, catro coleccións especializadas no público infantil. Con 'Mulleres galegas', realizarno nove biografías de mulleres destacadas, e tamén editaron BD e as coleccións 'Rañolas' e 'Homenaxes'.

Tamén era moi coñecido no ámbito deportivo pola súa vinculación ao balonmán pontevedrés.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora