A Festa do Mar suma ás súas actividades un ciclo de curtas

Poio
26 de agosto 2025

Proxectaranse na carpa-museo, na que tamén se inclúen exposicións do Museo do Mar, Culturmar e do Ateneo Corredoira

Festa do Mar de Combarro
Festa do Mar de Combarro / Cristina Saiz

O ciclo de curtos Cine do Mar será unha das grandes novidades da Festa do Mar de Combarro.

En colaboración coa Asociación Museo do Mar de Marín, as curtametraxes proxectaranse entre o xoves 28 e o domingo 31 de agosto na carpa-museo da Praza da Chousa.

De 12.30 a 13.30 horas proxectaranse curtas relacionadas coa temática do mar.

Abrirán o ciclo 'Danza o Batalla' de Danilo H. Galgano, 'Lagun' de Juan Larrañaga e 'El señor de las ostras' de Manuel Palenzuela.

O venres será a quenda das pezas 'Remar' de Adán Aguilar e 'Nika el calderón tropical' de José Hernández e Felipe Ravina, mentres que o sábado se proxectarán 'Testemuñas dunha illa' de Borja Duarte, Elian Mercedes e Guillermo Artero, e 'Voces do Mar' de Javier Lorenzo.

Por último o domingo exhibiranse as curtametraxes 'Chelito' de Carlos Prado, e 'Mexillonaria' de Pablo Chouza, pezas galardoadas respectivamente co premio do público (Polbo de Ouro) e o premio do xurado (Sardiña de Ouro) no Festival de Cine do Mar de Marín.

Ademais desta actividade, na carpa museo tamén se poderán visitar exposicións sobre a cultura mariñeira.

En colaboración con Culturmar ofrecerase a exposición fotográfica 'No centro do Mar', do autor Eduardo Rivo, en colaboración con Opmega e o Consello Regulador do Mexillón de Galicia colocaranse dúas maquetas de bateas, e xunto ao Museo do Mar de Galicia unha selección das súas pezas. Tamén se poderá visitar unha exposición de fotografía antiga seleccionada polo Ateneo Corredoira de Combarro.