Este vindeiro mércores, día 9 de febreiro, celebrarase no plató de cine da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación (FCSC) do campus de Pontevedra a charla ‘Falando de foto fixa’, que contará co fotógrafo especializado en cine Jaime Olmedo.
O evento dará comezo ás 12:00 horas, cunha duración prevista de aproximadamente unha hora. Está organizado pola Asociación FICBUEU como parte do premio no citado festival ás Escolas Galegas 2021, gañado polas alumnas e alumnos da Universidade de Vigo na categoría de Escolas de Imaxe e Son e Facultades coa curtametraxe "O que queda de nós".
Á charla, que contará cun marcado carácter formativo e didáctico, poderá asisitir calquera persoa interesada, sempre segundo as normas de aforo derivadas da covid-19.
O evento da Asociación FICBUEU permitirá ao público asistente profundar no mundo da fotografía fixa no cine da man dun especialista como Jaime Olmedo, que participou en rodaxes de series, películas e curtas como 'Fariña’, ‘Antidisturbios’, ‘El desorden que dejas’ ou ‘El Pozo’.