'Fichaxe' bomba do PortAmérica: Nathy Peluso súmase ao cartel do festival

Umia
29 de abril 2022

Se xa PortAmérica reunira un cartel de excepción para a súa edición de 'regreso á normalidade', a última fichaxe que realizou o festival eleva aínda máis o listón. A artista arxentina Nathy Peluso súmase á súa oferta musical

Nathy Peluso
Nathy Peluso / PortAmérica

Se xa PortAmérica reunira un cartel de excepción para a súa edición de 'regreso á normalidade', a última fichaxe que realizou o festival eleva aínda máis o listón. A artista arxentina Nathy Peluso súmase á súa oferta musical.

Actuará no recinto da Azucreira de Portas na terceira e última xornada do PortAmérica 2022, o sábado 4 de xuño, anunciaron este venres os organizadores do festival.

Compartirá cartel ese día con Xoel López, Mikel Erentxun, Depedro, Viva Suecia, Amparanoia, Serbia, Queralt Lahoz, Flecha Valona, os peruanos Dengue Dengue Dengue ou os tamén arxentinos Bizarrap e Lisandro Aristimuño.

Nathy Peluso, que desenvolveu a súa carreira musical en España, creou un estilo particular no que soubo fusionar a súa afinidade polo jazz e os ritmos elegantes coas súas influencias do hip- hop e a música urbana.

É, hoxe en día, unha das estrelas da escena musical contemporánea en castelán. Na última edición dos Grammy Latino, recolleu o premio ao mellor álbum de música alternativa polo seu último disco, Calambre.

 

As entradas para o PortAmérica 2022 seguen á venda, a un prezo de 65 euros polo abono dos tres días. O pase por día custa actualmente 30 euros.