Aos poucos vanse coñecendo máis detalles sobre o esperado concerto que Jennifer López dará este verán en Pontevedra.
A actriz, cantante e bailarina repasará na Boa Vila os grandes éxitos da súa longa carreira musical.
Farao o martes 8 de xullo nun espectáculo que terá lugar no parque de Tafisa.
A promotora Play Plan, que organiza este evento xunto a Last Tour e BS Entertainment, aínda non confirmou cal será o aforamento definitivo para o evento, nin tampouco o prezo das localidades, aludindo este martes que faltaban "flecos por cerrar", pero si acaba de facer oficial a data de preventa e venda xeral de entradas.
Será xa o vindeiro luns 14 de abril, cando se poidan empezar a revervar entradas.
A partir das 12.00 horas activaranse 48 horas de preventa exclusiva para clientes do Banco Santander.
Finalizado ese prazo, o mércores 16 de abril ás 12.00 horas abrirá a venda de entradas para o público xeral.
A venda de localidades levará a cabo a través da plataforma enterticket.es.
O de Pontevedra será o primeiro concerto da xira española de Jennifer López, que despois fará parada en Cádiz, Málaga, Madrid, Barcelona e Bilbao.