O espectáculo 'Up all night' co que Jennifer López estreará en Pontevedra a súa xira europea será un percorrido polos grandes éxitos da súa carreira musical.
Será o martes 8 de xullo no Parque de Tafisa, pero pouco máis se coñece deste concerto a pesar de que hoxe saíron en rolda de prensa para falar del o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, o concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, e Jordi Lauren, responsable da promotora Play Plan, que organiza este evento xunto a Last Tour.
Ademais Play Plan é a promotora xunto a BS Entertainment, doutra das grandes citas do verán na Boa Vila: o Bigsound Festival Pontevedra que se celebrará o 11 e 12 de xullo tamén no Parque de Tafisa de Pontevedra-
Será coas actuacións de Nicky Jam, Rels B, Cali y el Dandee, Juan Magán, Omar Montes, Leire Martinez, Tanxugueiras, Abraham Mateo, Amaia, DePol, Julieta, Luck Ra, La Zowi, Marc Seguí, María Escarmiento e Ptazeta, entre outros artistas.
"Loxicamente, a propia celebración do Bigsound Festival facilita en boa medida que este concerto poida chegar á cidade, porque hai moitas sinerxías e non só da parte organizativa interna, senón de custos", explicou Jordi Lauren.
O promotor xustificou que aínda quedan "uns flecos por pechar" polo que non pode anunciar cando sairán á venda as entradas ou cal será o seu prezo. Nin sequera está pechado cal será o aforamento do recinto que acollerá o concerto.
A mesma xustificación utilizou o alcalde para responder á pregunta de canto custará o evento ao Concello de Pontevedra.
En todo caso, prometeu que se informará con detalle "nun prazo razoable de tempo", e comentou que será unha cantidade "moi por baixo da repercusión que vai ter para Pontevedra a nivel internacional este evento".

"Estamos encantados, obviamente, de que Jennifer López veña a Pontevedra e tamén porque é o primeiro concerto en cinco anos que se celebra en toda Europa", destacou o alcalde.
"Non é casualidade que veña este concerto a Pontevedra", indicou Lores para recalcar que a cidade "ten demostrado sobradamente a capacidade de organizar eventos de todo tipo a nivel mundial", tanto deportivos como culturais, segundo manifestou.
Ademas, o rexedor da capital apuntou que a experiencia despois de organizar outras citas multitudinarias "é que a xente que se achega a Pontevedra para un evento deste tipo, ao final repite", e xa avanza que "seguiremos organizando eventos no futuro, con moitas sorpresas aínda por vir".
Pola súa banda, Jordi Lauren "desde o punto de vista empresarial" puxo en valor a capacidade que ten Pontevedra "de falar, de entendernos, de comunicarnos e chegar a puntos en común con moita facilidade".
"Somos conscientes de que é un reto organizativo, comunicativo, de xestión pero Pontevedra sabemos que está, non temos ningunha dúbida, que está plenamente preparada", afirmou.