'Fragmentos de Lectura-LG', de Lidia Rodríguez, gaña o certame de pintura Otero Baena

Bueu
16 de xullo 2025

O jurado destacou da artista asturiana a "capacidade para combinar elementos heteroxéneos: o xeométrico co orgánico, a imaxe gráfica coa presenza material de planos superpostos"

Gañadora do II Certame Otero Baena de Artistas Noveis
Gañadora do II Certame Otero Baena de Artistas Noveis / Concello de Bueu

O II Certame de Pintura Otero Baena para artistas noveis do Concello de Bueu xa ten nova gañadora. Trátase da artista asturiana Lidia Rodríguez González, coa obra titulada 'Fragmentos de Lectura-LG'.

O xurado destacou a "capacidade para combinar elementos heteroxéneos: o xeométrico co orgánico, a imaxe gráfica coa presenza material de planos superpostos" desta obra.

A obra, para o xurado, "tamén se constrúe cunha ampla gama cromática moi axustada que crea unha atmosfera de sosego e contemplación".

Lidia Rodríguez González é unha artista asturiana da localidade de Tineo e conta cun amplo currículo de premios, participación en exposicións individuais e colectivas e selección de certames.

O xurado de Bueu outorgou dous accésits sen dotación económica, que recibiron Alejandro Fuertes por 'Vientos nucleares' e Lucía Romaní por 'Escavación'.

O resultado do certame deuse a coñecer este martes durante o acto inaugural da exposición de finalistas na Sala de Exposicións Amalia Domínguez Búa.

O Concello de Bueu recibiu 39 traballos artísticos no II Certame de Pintura Otero Baena para artistas noveis, de entre os cales o xurado decidiu as mellores propostas que se  inclúe na exposición: 'Celosía circular', 'Agosto', 'Entre bateas', 'Escavación', 'Fragmentos de lectura', 'Parque tres de febrero', 'Mar de chumbo', 'Nordés en Udra', 'Sen título (tela)', 'Vientos nucleares', 'Xarrón azul' e 'Zapaldu'.

A Sala estará aberta todos os días ata o 31 de xullo, en horario de luns a venres, das 12 ás 14 horas, e das 18 ás 21 horas. Nas fins de semana, abrirá de 12 a 14 horas.

Os fillos e netos de Otero Baena encargaranse de custodiar as obras da exposición e de explicar a vida artística do seu pai e avó.