Algo memorable. Así promete ser a décima edición de Atlantic Fest, que se celebrará entre os días 17 e 19 de xullo na Praia da Concha, en Vilagarcía de Arousa. E as súas primeiras catro confirmacións son toda unha declaración de intencións.
Para empezar a dar forma á que definen como unha fórmula "perfecta e sen aditivos", os seus organizadores anunciaron que as bandas británicas Franz Ferdinand e Two Door Cinema Club serán as principais cabezas de cartel desta edición.
A eles sumaranse dúas das voces máis persoais da música alternativa española, a de Nacho Vegas e a de Carlos Ares.
En breve, anunciaranse novas incorporacións.
As entradas poranse á venda o xoves 4 de decembro ás 9:00, a través de www.atlanticfest.com ao prezo de 65 euros (gastos de xestión e IVE incluídos).
Franz Ferdinand, que chegarán directos desde Glasgow, son pura enerxía no escenario. As súas guitarras afiadas e os seus ritmos e refráns irresistibles converten cada un dos seus concertos nunha pista de baile épica e nun bulebule de diversión.
Tras máis de vinte anos marcando o indie rock, o día 18 de xullo subirán ao escenario do festival co seu último álbum The Human Fear, cun directo potente e fresco, no que non faltará ningún dos seus himnos como Take Me Out, Do You Want To, Walk Away ou This Fire.
De Irlanda de Norte, pola súa banda, virá Two Door Cinema Club, unha banda que se converteu nunha referencia do indie pop global grazas á súa enerxía contaxiosa e a cancións como What You Know, Something Good Can Work ou Undercover Martyn.
Desde o lanzamento do seu álbum debut Tourist History (2010) encheron festivais e escenarios en todo o mundo cun directo que mestura guitarras afiadas e sintetizadores bailables, toda unha explosión de enerxía que o público poderá gozar o 17 de xullo.
Nacho Vegas é un dos referentes da música alternativa en español. Clásicos como La gran broma final, El hombre que casi conoció a Michi Panero ou Desaparezca son unha mostra das súas cancións, cheas de emoción e verdade, que conectan co público de forma única.
A Atlantic Fest, o artista asturiano chegará ademais cun novo capítulo creativo: o seu próximo álbum, que verá a luz en xaneiro de 2026, e cuxo primeiro adianto, Alivio, explora momentos (semi)preciosos da vida.
E a última destas primeiras confirmacións, Carlos Ares, volverá a Atlantic Fest co seu pop alternativo e a súa mirada folk, que se converteu nunha das propostas galegas máis interesantes dos últimos anos a nivel nacional.
Tras anos como produtor e compositor, decidiu retomar o seu propio proxecto, cristalizado en 2024 co seu álbum debut Peregrino. En maio de 2025 publicou La boca del lobo, un disco máis ambicioso, experimental e completo que levou o seu directo a un novo nivel.