'Get back' ou como viven os galegos emigrantes en Gran Bretaña

Pontevedra
18 de novembro 2016

O Teatro Principal rexistrou unha boa entrada na representación teatral de Eme2 na que se conta a historia de cinco personaxes que coinciden nun vagón de metro londinense, catro deles son de orixe galega

'Get back', de Eme2 Diego Torrado

Cinco persoas viaxan nun vagón de metro de Londres. O transporte detense e, a partir de aí, comezan a establecerse relacións entre os personaxes que teñen puntos en común, catro deles son de orixe galega. Con este arranque, o espectáculo 'Get Back' ofrece as historias de dúas mulleres e tres homes que se atopan en Gran Bretaña por diferentes motivos que irán saíndo á luz, sorprendendo ao espectador, a medida que avanza a obra.

O Teatro Principal acollía este xoves unha boa entrada para seguir a ambiciosa proposta da compañía Eme2, cunha repartición composta por Mercedes Castro, Tamara Canosa, Alfonso Agra, Federico Pérez e Miguel Guido. O texto é do escritor Diego Ameixeiras, a partir dun traballo de investigación de Camilo Franco. A dirección corresponde ao cineasta Jorge Coira.

A trama desenvólvese entre o drama, a ironía e o humor ofrecendo unha visión sobre os cidadáns galegos que emigraron a Gran Bretaña para poder atopar un traballo.

Este venres 18, os interesados no teatro teñen unha nova cita no Pazo da Cultura coa representación de 'La asamblea de las mujeres', na que actúan Lolita, Miriam Díaz Aroca, María Galiana e Pedro Mari Sánchez, baixo a dirección de Juan Echanove

A outra alternativa coa escena para esta noite atópase no Auditorio de Afundación coa actuación do humorista Moncho Borrajo.