O goberno local de Pontevedra traslada o seu apoio á manifestación de Queremos Galego

Pontevedra
11 de febreiro 2025
Actualizado: 18:47

Baixo o lema "Lingua vital xa!", a plataforma cidadá en defensa da lingua convoca a mobilización para reivindicar o galego en todos os espazos e para todos os usos.

Recepción do alcalde aos representantes da plataforma Queremos Galego
Recepción do alcalde aos representantes da plataforma Queremos Galego / Concello de Pontevedra

O coordinador de Queremos Galego na comarca de Pontevedra, Diego Bará, e a portavoz comarcal da plataforma, a xornalista e profesora María Obelleiro, reuníronse na tarde deste martes co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e co concelleiro de Normalización Lingüística, Demetrio Gómez, que mostraron o seu apoio á manifestación que partirá da Alameda de Santiago de Compostela o 23 de febreiro ás 12 horas, coincidindo co Día de Rosalía.

Baixo o lema "Lingua vital xa!", a plataforma cidadá en defensa da lingua convoca a mobilización para reivindicar o galego en todos os espazos e para todos os usos.

Neste sentido, Queremos Galego lembra "o deber dos poderes públicos á hora de garantir e promover o idioma propio en todos os ámbitos e anima a cidadanía a transformar a emerxencia lingüística que sofre a lingua en forza reparadora".

O encontro de Queremos Galego co goberno local de Pontevedra prodúcese no marco das xuntanzas que a plataforma está a manter nas semanas previas á manifestación.

De feito, o pasado 23 de xaneiro tiña lugar un plenario comarcal en que se sentaron as bases dos actos previos á gran mobilización que decorrerá en Compostela.

Por outra parte, Queremos Galego repartirá material informativo sobre a manifestación durante os próximos días nas rúas de Pontevedra.

Tamén organiza para este sábado, 15 de febreiro, ás 12 horas na praza de Ourense, “Cantaxoga”, unha actuación de Migallas Teatro.

Esta actividade está destinada a todos os públicos e de balde, co fin de implicar á cidadanía "na defensa do idioma propio".