Grande Amore regresa a un Surfing the Lérez no que se estrean Cora Yako e Elegnelo

Pontevedra
19 de abril 2026

Todos eles estarán no Surfing the Lérez 2026, os días 12 e 13 de xuño, xunto a bandas e artistas como Niños Bravos, Mad Foxes, 9Louro, Freedonia e Estrogenuinas

Grande Amore Esther Estévez - Ernie Records

Ao Surfing the Lérez non podía faltar unha das grandes referencias da música galega actual. E é que Grande Amore foi confirmado para a próxima edición do festival.

A banda liderada por Nuno Pico subirá ao escenario da Illa das Esculturas durante o festival, que se celebrará os días 12 e 13 de xuño.

Así, o que se denomina como o grupo máis ruidoso a súa xeración, "os máis rockeiros e os menos rockeiros ao mesmo tempo", será un dos atractivos do cartel.

A Grande Amore sumarase unha banda emerxente que empezou a abrirse un oco no panorama nacional, os mallorquinos Cora Yako.

En Pontevedra presentarán o que é o seu terceiro disco, Mil pequeños cortes, mostrando o seu canto á melancolía e á destrución, pasando dun tema a outro da música máis lixeira á máis dura… e sen avisar previamente.

A terceira desta nova remesa de confirmacións é Elegnelo, unha DJ emerxente na escena electrónica cunha proposta que non pasará desapercibida.

Todos eles incorpóranse a un cartel do que xa se avanzaran algúns nomes.

Así, estarán no Surfing the Lérez 2026 bandas e artistas como Niños Bravos, Mad Foxes, 9Louro, Freedonia e Estrogenuinas.

Os anuncios continuarán ao longo das próximas semanas.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora