Hermanos Visi, rumbo a un primeiro disco que amosará o seu universo "inquieto e bailable"

Pontevedra
18 de xullo 2026

O dúo musical formado polo pontevedreses Julio e José prepara o seu primeiro disco con Ernie Records e debutarán en directo o 19 de setembro durante a final das Series Mundiais

Hermanos Visi posando diante do logo de Ernie Records María Pol

O dúo musical Hermanos Visi, formado polos artistas pontevedreses Julio e José, está a piques de dar un paso decisivo na súa traxectoria musical coa preparación do seu primeiro álbum.

Será un traballo editado polo selo galego Ernie Records e do que nos próximos meses coñeceranse os primeiros adiantos.

Este proxecto abre unha nova etapa tras anos ligados a diferentes iniciativas musicais.

Multiinstrumentistas e formados no conservatorio, ambos construíron unha proposta que combina instrumentos en directo, programación electrónica e voces, cun marcado carácter bailable e afastado das etiquetas de xénero.

As actuacións de Hermanos Visi convértense nun "laboratorio musical" no que as cancións se constrúen en tempo real, mesturando elementos orgánicos e electrónicos e deixando espazo para a improvisación.

A versatilidade de ambos os músicos é un dos trazos que definen un proxecto no que conviven interpretación, experimentación e técnica.

Tras anos participando en proxectos alleos, Julio e José afrontan agora o seu primeiro traballo conxunto como protagonistas.

O álbum debut servirá como carta de presentación "dun universo inquieto, bailable e difícil de explicar sen recorrer a unha premisa sinxela: para entendelo, hai que sentilo", explican desde Ernie Records.

O público poderá coñecer por primeira vez esta proposta sobre o escenario o próximo 19 de setembro, data na que Hermanos Visi presentará o seu novo proxecto en directo en Pontevedra.

Será nada menos que dentro da programación da Gran Final das Series Mundiais de Triatlón que acollerá a Boa Vila.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora