As Festas de Verán de Pontevedra volverán contar con dous ciclos musicais que, nos últimos anos, se consolidaron nesta oferta cultural: Urbana Monte Porreiro, dedicada á música urbana; e Con voz de muller, protagonizado por artistas femininas.
Do primeiro, que se celebrará os días 5 e 6 de agosto no Miradoiro de Monte Porreiro, xa se coñecían os concertos de John Pollón (martes 5) e Califato 3/4 (mércores 6).
Xunto a eles estarán Hugo GZ e Rebelióm do Inframundo, respectivamente, para completar senllas xornadas musicais que arrancarán ás 21:00 horas.
Con voz de muller, pola súa banda, terá lugar na Praza da Ferrería entre os días 30 de xullo e 3 de agosto, e incluirá actuacións musicais, narración oral e pasacalles.
A rapeira chilena Ana Tijoux era a única artista que xa fora anunciada. Ofrecerá o seu concerto o sábado 2 de agosto, segundo confirmou o goberno municipal no seu día.
Ugía Pedreira (mércores 30), Mercedes Peón (xoves 31) e Yoli Saa (domingo 3) serán os outros tres concertos desta edición.
Unha velada de música e narración oral, baixo o nome Bouba das vellas e protagonizado por Atenea García, Vero Rilo e Bouba Pandereteiras, será a proposta para o venres 1 de agosto.
Os pasacalles, que serán a diario ás 20:30 horas, estarán protagonizados por Troula Funky Party, Gaiteiros das Rías Baixas, Bicoia, Latexo Percusión e Brassica Rapa.
A estes dous ciclos sumarase ademais o San Roque Rock, que se celebrará na Alameda os días 25 e 26 de xullo, segundo figura no programa das Festas de Verán.
O venres 25 actuarán Fortunas (20:00 horas), Tongomango (21:45 horas) e Los Bengala (23:30 horas); mentres que o sábado 26 farano Helena Egea (20:00 horas), The Bo Derek's (21:45 horas) e Los Tiki Phantoms (23:30 horas).
Antes, durante e despois de cada concerto haberá ademais unha picada exclusiva en vinilo a cargo de Arturo Delgado DJ, Muñiz e Marcos Sonseca.