As imaxes máis divertidas dos animais enchen o espigón do Porto Deportivo de Sanxenxo

Sanxenxo
05 de agosto 2025

Abanca, Afundación e o Concello de Sanxenxo presentan "Comedy Wildlife", que reúne fotografías que foron galardoadas entre 2015 e 2022 como as mellores imaxes de animais capturadas con humor

Exposición "Comedy Wildlife", en Sanxenxo
Exposición "Comedy Wildlife", en Sanxenxo / Afundación Pontevedra

O Concello de Sanxenxo, ABANCA e Afundación presentan a exposición de rúa "Comedy Wildlife", unha mostra que se poderá visitar no espigón do Porto Deportivo Juan Carlos I ata o 31 de agosto.

Esta exhibición reúne fotografías que foron galardoadas entre 2015 e 2022 como as mellores imaxes de animais capturadas con humor, grazas aos premios The Comedy Wildlife Photography Awards.

Despois do seu éxito en museos e centros de exposicións en países como os Países Baixos, Inglaterra, Portugal e Canadá, e tras o seu paso polos centros de Afundación en Galicia, "Comedy Wildlife" chega agora a Sanxenxo para que todos poidan gozala.

En tempos nos que a fraxilidade dos nosos ecosistemas e especies xera gran preocupación medioambiental, esta exposición busca ofrecer unha perspectiva diferente.

En lugar de mensaxes negativas que poidan xerar ecoansiedade ou rexeitamento, utiliza o humor e a sorpresa para captar a atención e sensibilizar o público, especialmente as familias.

As 60 fotografías seleccionadas mostran animais como tartarugas, mapaches, osos, pingüíns e "frailecillos" atlánticos (Fratercula arctica) en momentos divertidos e sorprendentes, capturados nas posicións máis cómicas.

O cofundador dos premios, Paul Joynson-Hicks, un fotógrafo especializado en natureza, comenta que aínda que a conservación e sustentabilidade están a gaña pulo na esfera mundial, as mensaxes adoitan ser negativas e desalentadoras.

Por iso, xunto a fotógrafos como Tom Sullam e Michelle Wood, decidiu crear estes galardóns para destacar as imaxes máis divertidas de animais nun mundo que, aínda que fermoso e interconectado, tamén necesita un toque de humor para sensibilizar e conectar coa xente.