"Impreuna", o circo feito en Galicia, marabilla o público pontevedrés no Pazo da Cultura

Pontevedra
06 de novembro 2014

Fíxoo cun rotundo éxito e por partida dobre. Pola mañá, nunha función concertada para centros escolares, e pola noite ante o público en xeral que practicamente encheu as butacas do Pazo

Representación do espectáculo "Impreuna", dentro do ciclo Ponteatro
Representación do espectáculo "Impreuna", dentro do ciclo Ponteatro / Mónica Patxot

O circo reclamou este xoves o seu protagonismo no ciclo Ponteatro. A compañía Pistacatro representou no Pazo da Cultura de Pontevedra o espectáculo Impreuna, unha montaxe que mestura elementos circenses con danza, teatro físico e comedia.

Fíxoo cun rotundo éxito e por partida dobre. Pola mañá, nunha función concertada para centros escolares, e pola noite ante o público en xeral que practicamente encheu as butacas do Pazo.

Dirixido por Pablo Reboleiro e ambientado na época actual, Impreuna é un espectáculo inmerso íntegramente nos códigos artísticos do circo (malabares, aéreos, acrobacias e clown), todo isto sen renunciar á fusión sen complexos con outras artes vivas como a danza, o teatro e a comedia.

Ademais de Pablo Reboleiro, os artistas Antonio Delgado, Raquel Oitavén, Ariñe Azkue, ÿscar Páez e Alfredo Pérez ofreceron aos pontevedreses unha viaxe polo mundo das relacións de grupo, unha visita polos valores do circo: a amizade, a familia, o traballo en comunidade, a solidariedade e a cooperación.

Á sesión matinal acudiron uns 500 escolares de Pontevedra, Caldas, Barro, Redondela e O Grove.