O Concello de Bueu anunciou a convocatoria dunha nova edición dos Premios Johan Carballeira nas súas modalidades de poesía e xornalismo. O prazo para presentar traballos manterase aberto até o próximo 30 de xuño.
Nesta ocasión, ambas as categorías concederán un premio de 2.500 euros. Ademais, no caso do galardón de poesía, a obra gañadora será publicada pola editorial Xerais, como é habitual.
Unha das principais novidades desta edición é o incremento da contía económica, que aumenta en 1.000 euros respecto a anos anteriores, pasando dos 1.500 aos 2.500 euros actuais.
Desde o Concello explican que este aumento é para reforzar o apoio á creación literaria en lingua galega, un ámbito que consideran especialmente vulnerable.
Ademais, a concelleira de Cultura, Carmen García, destacou que esta mellora busca incentivar unha maior participación e reafirma o compromiso do goberno local con estes galardóns.
Posteriormente á publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, as persoas interesadas poderán enviar os seus traballos tanto en formato físico como dixital, seguindo as indicacións dispoñibles na páxina web municipal.
Os premios Johan Carballeira naceron como recoñecemento ao político, poeta e xornalista de Bueu José Gómez da Cova, coñecido como Johan Carballeira, e teñen como finalidade promover a creación en galego.
Na pasada edición, os premios obtivéronos Eugénio Outeiro pola obra Réquiem e a xornalista Claudia López Morán pola reportaxe "Convivir co lume" Ou baleiro que arde: un territorio á mercé do lume", publicado no suplemento Sermos Galicia de Nós Diario.
Ao longo da súa traxectoria, estes galardóns recoñeceron a destacadas figuras do ámbito cultural e xornalístico galego. Na categoría de xornalismo figuran nomes como Antón Lopo; en poesía, foron premiados autores como Yolanda Castaño ou María Reimóndez.