O Incode Fest presenta o cartel da súa segunda edición en Pontevedra

Pontevedra
08 de maio 2025

O festival local producido por Artecalavera e o Concello de Pontevedra celebrarase na Alameda da Boa Vila os días 30 e 31 de maio

Festival Incode Fest Mónica Patxot

A Alameda de Pontevedra será escenario os días 30 e 31 de maio da segunda edición do Incode Fest.

O festival local producido por Artecalavera e o Concello repite experiencia combinando música en vivo e espírito de comunidade.

A organización desvelou o cartel do evento, que combinará artistas consolidades e emerxentes con escolas de música locais e con protagonismo tamén de bandas do Local de Música de Pontevedra.

Entre os nomes destacados do cartel, explican os seus responsables, atópanse FAUL e Mundo Prestigio, que compartirán escenario con propostas como Thom Archi ou Cintaadhesiva mesturando sons electrónicos, rock e punk.

Ademais darase protagonismo a proxectos de inclusión e contarase cunha banda da Escola de Rock de Paredes de Coura (Portugal).

O festival Incode Fest preséntase como un evento "sostible, accesible e comprometido coa inclusión e diversidade".

Toda a programación contará con entrada de balde.

Ademais, como antesala, o día 22 de maio a Cervexería Nasa na Santiña acollerá a 'Noite Boomer', na que se presentarán os proxectos musicais dos alumnos de maior idade do Estudo Bonobo.