JLo, ¿y el bis, pa’cuando?

Pontevedra
09 de xullo 2025
Actualizado: 29 de decembro

Jennifer López logrou meter no peto o público pontevedrés cun espectáculo que repasou a maioría dos seus grandes éxitos, pero os fans botaron en falta 'El anillo' e un bis para alongar o concerto

Concerto de Jennifer Lopez en Pontevedra

Faltaban cinco minutos para as doce da noite cando Jennifer López poñía fin ao seu concerto en Pontevedra, unha cita que abría a xira europea da artista e que logrou meter no peto o público cun espectáculo de sons, luces, imaxes e lume sobre o escenario. 

Pero, coa conquista chegou tamén a decepción. Foron moitos os fans que quedaron esperando por un 'bis' que non chegou e por unha das súas cancións de máis éxitosas en España, El anillo. Non puideron escoitar a famosa frase "¿y el anillo, pa’cuando?" e tampouco completar as dúas horas de espectáculo

Foron unha hora e case 50 minutos de show no que a cantante estadounidense de orixe portorriqueña se confirmou como unha das divas por excelencia do mundo da música. 

Ata seis cambios de vestiario, un xogo de luces e imaxes que non parou de sorprender e grandes guiños como unha mantilla española bordada, unha guitarra española ou un piano mantiveron ao público pontevedrés atento durante todo o show. 

Concerto de Jennifer Lopez en PontevedraCristina Saiz

Sorprendeu o escaso uso do español da artista a pesar da súa orixe portorriqueña e a presenza de grandes éxitos en español ao longo da súa carreira.

Mesmo o seu saúdo inicial foi en inglés: "How are you, Pontevedra?" ("¿cómo estás, Pontevedra?"), preguntou, chegando a dicir en dúas ocasións moi seguidas o nome da cidade despois de que nos últimos días, nas súas redes sociales, fixera mención a que o concerto era en Vigo. 

Atreveuse cun baile de flamenco, acompañada co seu equipo de baile vestido imitando un traxe de toureiro e ela cunha mantilla negra bordada con motivos vermellos. Tamén cunha canción das grandes voces da música latina, Mercedes Sosa, Gracias a la vida

Pero, en case dúas horas de espectáculo, tan só cantou tres temas en español, Gracias a la vida, Qué hiciste e Si una vez, unha homenaxe a Selena da que asegurou que é "my favorite song" ("a miña canción favorita").

E foron igual des escasas as súas palabras ao público na lingua de Cervanes. A primeira foi unha referencia á "calor" que facía "fuera" e as máis aplaudidas, a súa frase de gracias ao seu primeiro público da xira europea, "Muy agradecida de estar aqui con ustedes", e un expresivo "El amor… la ostia".

Non pareceu importarlle a falta de referencias a Galicia ou España aos espectadores que levaban xa horas facendo cola para entrar no parque de Tafisa. Algúns apuraron ata os últimos minutos para chegar ao recinto, pero houbo outros que agardaban xa desde primeira hora da mañá a pesar da calor deste martes en Pontevedra e cando ás 20.00 horas se abriron as portas, eran miles os que esperaban. 

Cando a artista saltou ao escenario co seu traxe de brillos e flecos brancos, comezaron as ovacións. Cando empezou a interpretar 'On the floor', un dos seus temas más escoitados, chegaron os aplausos e gritos. E os espectadores empezaron a bailar. 

Traxes de cor negro, prata ou vermello, outros a raias e un look final estilo cowboy cunha camiseta co famoso logo da lingua de The Rolling Stones foron cambiando a imaxe da cantante, que logrou os maiores aplausos cando puxo a súa mantilla. 

Mentres ía pasando de temas como Ain't Your Mama, Waiting for tonight, Let's Get Loud ou Love Don’t Cost a Thing, cambiaban tamén as imaxes que se proxectaban sobre o escenario, o lume e o fume que saían de cada rincón e as coreografías do seu equipo de baile.

Houbo leóns con lapas, un rosetón con arcos góticos e vidreiras, burbullas, combinacións psicodélicas e, con cada cambio de fondo, tamén un novo estilo de micrófono

A súa música e coreografías non daban lugar ao aburrimento. Tampouco as combinacións de efectos especiais e golpes de efecto dos bailes como acompañar Let's Get Loud con abanos amarelos xigantes ou proxectar nas pantallas do recinto frases como "Be love" ou "Be free". 

E, de repente, cando xa os espectadores agardaban seguir co show, apagáronse as luces. Ninguén se moveu, agardando ese bis que non chegou. Ata que as luces volveron prenderse, pero para que o equipo de produción empezase a desmontar o escenario.