O Edificio Castelao do Museo de Pontevedra acolleu na tarde deste venres a presentación do libro 'José Fernández López. Un empresario sen medo ao risco'.
O acto contou coa intervención da autora da obra, Marisa Gallero, quen estivo acompañada por José María Fernández Sousa-Faro, fillo do biografiado; Bieito Rubido, director dO Debate; Rafael Domínguez Artime, vicepresidente da Deputación de Pontevedra; e Ángeles Tilve Jar, en representación do Museo de Pontevedra.
O volume, publicado por LID Editorial, recibiu o XXI Premio LID de Biografía Empresarial. As súas páxinas detallan a actividade profesional de José Fernández López (Lugo, 1904), que deu lugar á creación de diversas industrias.
Entre os seus proxectos destaca a fundación de Zeltia en 1939 e de Industrias Pecuarias Galegas en 1935, ámbalas con sede no Porriño.
Puxo en marcha Transfesa, dedicada ao transporte ferroviario de mercadorías, e Pescanova, empresa que incorporou a primeira flota de buques conxeladores no ámbito europeo.
A publicación tamén aborda a faceta de Fernández López vinculada ao ámbito científico e cultural de Galicia.
O empresario destinou fondos á Misión Biolóxica de Galicia e mantivo unha colaboración directa co Museo de Pontevedra, institución á que realizou achegas económicas para a súa ampliación e a entrega de diversas pezas. Un dos edificios históricos do Museo conta co seu nome en recoñecemento ao promotor.
Tanto o concello de Pontevedra como o do Porriño nomeárono fillo adoptivo no ano 1974.
Marisa Gallero, responsable da investigación, é licenciada en Xornalismo pola Universidade Complutense de Madrid e conta con experiencia profesional en medios de comunicación escritos e audiovisuais, así como na xestión de proxectos editoriais.