O 18 de novembro coñeceranse as curtametraxes gañadoras da edición deste ano do Festival Curtas Armadiña, que se celebra en Poio. Antes, o xurado terá un duro traballo de análise e deliberación para escoller a mellor película da Sección Oficial e da Sección de Animación da cuarta edición deste certame, que se desenvolverá entre os días 12 e 18 de novembro no municipio de Poio.
A organización ofreceu este venres o nome dos compoñentes do xurado coa presenza de Pablo Cacheda, Laura Doval, María Roja, Juan de Castro e Pilar Varela, representante da entidade organizadora.
Cacheda conta cunha ampla traxectoria traballando en produtoras de diversas series e programas. Ademais é director de catro curtas e da coñecida webserie 'Clases de lo Social', ademais do musical 'Superpunky'. Laura Doval, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas, é socia da produtora Gaitafilmes e traballou como produtora executiva e xefa de counicación na longametraxe ' Dhogs', gañadora de 13 premios Mestre Mateo.
A actriz María Roja é performer e artista visual licenciada en Belas Artes. Entre outros traballos destaca a súa interpretación na obra teatral 'O Tolleito de Inishmaan' co que obtivo o Premio María Casares á Mellor actriz secundaria.
Pola súa banda, Juan de Castro é produtor de proxectos culturais, presidente de Reecanto Producións coa que dirixiu o Festival Primavera do Cinema en Vigo e o Galician Freaky Filme Festival. A quinta compoñente do xurado será Pilar Varela, representante de ACDeM Armadiña.
A esta edición presentáronse 900 pezas audiovisuais, procedentes de España e Portugal. Nesta ocasión terase unha especial atención á integración das persoas con discapacidade intelectual.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.