Khora, unha creación do autor Jose Luís Baños de Cos ambientada en Vigo e que leva por lema 'O espazo que habito', gañou o primeiro Premio Castelao de Textos Teatrais.
A obra gañadora coñeceuse este xoves logo da reunión definitiva do xurado, presidido polo presidente da Deputación, Luis López, e integrado por cinco persoas de recoñecido prestixio e traxectoria nos eidos da literatura, o teatro, a docencia e as institucións culturais.
O xurado escolleu por unanimidade esta obra e destacou a súa temática social, que "amosa problemas do noso tempo"; a "calidade na escrita" reflectida a través dos diálogos e da caracterización das personaxes; e a "axilidade da súa estrutura".
Luis López anunciou o resultado deste certame impulsado pola Deputación para poñer en valor a figura do intelectual galego e seguir impulsando a cultura e lingua galegas.
A convocatoria foi un éxito de participación, cun total de 43 obras presentadas.
López felicitou ao gañador, que levará un premio económico de 12.000 euros, e ao xurado.
Así, López lembrou que este premio naceu cunha tripla finalidade: a protección, promoción e difusión da lingua e da cultura galega; como apoio ao sector da cultura, concretamente do teatro; e a conmemoración do 75 aniversario do pasamento de Castelao.
Este 75 aniversario terá neste 2026 o seu broche de ouro, coa exposición por primeira vez na provincia, no Museo, de A Derradeira lección do Mestre.