Kim Puime gaña o sétimo Premio O Garaxe Hermético de banda deseñada adaptando a Cunqueiro

Pontevedra
08 de xuño 2026
Actualizado: 13:46

O xurado deste galardón decidiu recoñecer o seu traballo coa obra 'Merlín e familia', tras conseguir ser "moi fiel" ao espírito da obra orixinal de Álvaro Cunqueiro

'Merlín e familia', de Kim Puime
'Merlín e familia', de Kim Puime / Editorial Galaxia

A sétima edición do Premio O Garaxe Hermético de banda deseñada ten gañadora pontevedresa. Trátase da ilustradora Kim Puime.

Así o decidiu o xurado deste galardón, que optou por recoñecer o seu traballo coa obra Merlín e familia, adaptación da obra homónima de Álvaro Cunqueiro.

O xurado destacou que se trata dunha adaptación á banda deseñada moi fiel ao espírito da obra orixinal, mais ao mesmo tempo "profundamente persoal e innovadora".

Ademais, valoraron especialmente o equilibrio entre texto e imaxe, a forza expresiva do relato ou o seu grafismo contemporáneo con ecos da estética románica.

Por último, o xurado gabou a reinterpretación da mitoloxía desde unha perspectiva propia, capaz de actualizar o clásico e facelo dialogar co lectorado actual.

Debido á alta calidade das obras presentadas, o xurado decidiu tamén distinguir como finalista o proxecto Alfa, presentado baixo o pseudónimo de Xinchi e que, tras a apertura da plica, resultou ser obra do tamén pontevedrés Xian Caamaño Caramés.

Sobre Alfa, o xurado salientou o seu debuxo de filiación cartoon, expresivo e cheo de matices ou o uso coidado da cor ao servizo da narración.

A iso sumaron as composicións de páxina "dinámicas e imaxinativas" e a reflexión crítica sobre as novas masculinidades que desenvolve nunha historia con estrutura de fábula.

O xurado estivo integrado por Kiko da Silva, debuxante e responsable do Garaxe Hermético; Teresa Valero, debuxante; e Marcos Calveiro, director de Galaxia.

A entrega dos premios celebrarase o 28 de xuño, dentro das actividades da cuarta edición do Festival BDra Gráfica, en Pontevedra.

Ambas as dúas obras serán publicadas por Galaxia ao longo do ano 2027, dentro das coleccións Novela Gráfica e BD, respectivamente.