'Domingos do Principal' programou para esta xornada dúas funcións, de mañá e de tarde, de 'Kioki', unha delicada proposta de Elefante Elegante que aborda con sensibilidade temas como o esquecemento, a vellez e a soidade.
Un espectáculo que combinou teatro xestual, monicreques, maxia e música.
'Kioki' significa "demencia" en xaponés e refírese a unha alteración da capacidade para lembrar, pensar ou tomar decisións.
É certo que adoita aparecer en persoas de idade avanzada, pero… Quen nunca esqueceu onde colocou a caixa das galletas? Ou por distracción púxose o xersei do revés?
A obra propuxo unha ollada cómplice, reflexiva e sensible ás experiencias que viven tanto as persoas que necesitan ser coidadas como as propias coidadoras.
A familia, as institucións médicas e as institucións sociais estiveron presentes nas tres personaxes interpretadas pola actriz protagonista: a avoa, a súa filla e a doutora.
A través dunha linguaxe xestual fundamentada na manipulación de obxectos e na interacción constante co dispositivo escénico, o espectáculo creou un universo cómico e poético que viaxaba desde o realismo até a hipérbole da vida cotiá.
O xogo teatral baseouse no traballo plástico da corporalidade da intérprete e nunha rigorosa sintonía dos xestos coa música instrumental orixinal, definindo unha secuencia dramatúrxica na que a imaxe tomou un protagonismo total.
A posta en escena fundamentouse deste xeito na dinámica pictórica da organización do espazo teatral e na narrativa das propias accións físicas que reflicten desexos, sentimentos e todos os estados dramáticos definidos.