"Las altas presiones", nomeada a cinco premios Mestre Mateo

Pontevedra
15 de marzo 2016

Las altas presiones, película producida pola compañía pontevedresa Matriuska Producións, optará ao premio Mestre Mateo á mellor longametraxe do ano, segundo anunciou este luns a Academia Galega do Audiovisual, entidade organizadora destes galardóns

Estrea de 'Las altas presiones' Daniel Santomé

Las altas presiones, película producida pola compañía pontevedresa Matriuska Producións, optará ao premio Mestre Mateo á mellor longametraxe do ano, segundo anunciou este luns a Academia Galega do Audiovisual, entidade organizadora destes galardóns.

Competirá coas películas El desconocido de Dani de la Torre, Lobos sucios de Simón Casal de Miguel e A praia dos afogados de Gerardo Ferreiro.

En total, o filme dirixido polo marinense Ángel Santos -que tamén opta ao Mestre Mateo ao mellor director- acumula cinco nominacións.

Ademais da a mellor longametraxe e ao mellor director, a película opta ao premio ao mellor director de fotografía (Alberte Branco), ao mellor guión (Ángel Santos) e á mellor montaxe (Fernando Franco).

Tamén haberá representación pontevedresa na categoría de mellor webserie, onde optan ao premio Gafas e Pallaso, un proxecto de alumnos da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación; e Dalle Jas, interpretada pola compañía teatral Triateros e rodada en diferentes escenarios de Pontevedra.

As grandes favoritas nesta décimo cuarta edición dos premios Mestre Mateo son as películas El desconocido e Lobos sucios, que optan a quince e catorce estatuíñas respectivamente, e as series de televisión Hospital Real e Serramoura, con once e sete nominacións.

A listaxe completa de nominacións pódese consultar na web da Academia Galega do Audiovisual.