Lectura pública para homenaxear a Castelao

Pontevedra
19 de decembro 2025

A iniciativa "Lermos Castelao", organizada por Maio Longo e Vía Galega, percorreu onte, xoves 18 de decembro, a traxectoria do autor no Café Moderno

Lectura de textos de Castelao

Pontevedra celebrou onte, xoves 18 de decembro, un acto colectivo de lectura pública adicado á obra de Castelao.

Baixo o título "Lermos Castelao", a iniciativa tiña lugar ás 19:30 horas no emblemático Café Moderno da cidade, lugar onde o intelectual galeguista mantiña tertulias con outras personalidades do século XX.

O evento conto coa asistencia do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.

Organizado pola Asociación Cultural Maio Longo e Vía Galega, o evento tivo como obxectivo principal divulgar de maneira directa e accesible os textos fundamentais do intelectual galego.

A través dunha escolma coidadosamente seleccionada, os participantes realizaron un percorrido cronolóxico e temático pola traxectoria de Castelao, abordando os distintos xéneros literarios que cultivou ao longo da súa vida, como o relato breve, a novela, o ensaio, o epistolario ou o teatro.

"Lermos Castelao" enmárcase na programación especial do Ano Castelao, desenvolvida en colaboración co Concello de Pontevedra.

Con este acto realizábase unha nova homenaxe á figura e obra dun dos referentes políticos e culturais máis importantes da Galicia contemporánea, consolidando a súa relevancia no panorama cultural actual.