Ledicia Costas e Jorge Volpi, protagonistas do Encontro Pontevedra Literaria

Ledicia Costas e Jorge Volpi, protagonistas dun novo encontro de Pontevedra Literaria

Pontevedra
24 de outubro 2025
Actualizado: 11:53

Baixo o suxestivo título "Escribir o que non se di", a conversa estivo conducida por Paula Montes e contou coa actuación da pianista Andrea García González

Ledicia Costas e Jorge Volpi, protagonistas do Encontro Pontevedra Literaria
Ledicia Costas e Jorge Volpi, protagonistas do Encontro Pontevedra Literaria / Cristina Saiz

O salón de plenos do Pazo Provincial encheuse este xoves de palabras e música nunha nova cita de Pontevedra Literaria, o ciclo impulsado pola Deputación.

Baixo o suxestivo título "Escribir o que non se di", os escritores Ledicia Costas e Jorge Volpi compartiron escenario e reflexións nunha mesa redonda conducida pola xornalista Paula Montes, coa delicada compañía ao piano de Andrea García González, que puxo a nota musical á velada.

O encontro converteuse nun espazo de diálogo e inspiración, onde ambos autores falaron das súas motivacións, das luces e sombras do oficio de escribir e ofreceron consellos a quen soña con adicarse á literatura, especialmente á mocidade con inquedanzas creativas.

Pontevedra Literaria naceu precisamente co obxectivo de dar voz a esa nova xeración de creadores, respondendo ao crecente interese polos proxectos literarios e artísticos, algo que se reflicte no aumento das participacións na categoría de relato breve dos Premios Provinciais á Xuventude.

Durante o acto, o vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, destacou o papel de Pontevedra como epicentro cultural destacando que "somos unha provincia de arte, de cinema, de música, de libros. Somos a provincia da cultura e temos aos mellores embaixadores, persoas que levan o talento pontevedrés polo mundo adiante".

A programación continuará este venres cun novo encontro protagonizado por Laura Ferrero e Manuel Jabois, que se mergullarán nas fronteiras entre o xornalismo e a ficción, prometendo outra tarde chea de aprendizaxes e inspiración literaria.