O Centro Infantil Príncipe Felipe será máis sostible e accesible grazas a unha reforma de 3,6 millóns

Pontevedra
23 de outubro 2025

O proxecto de reforma de Príncipe Felipe incluirá nova fachada, iluminación LED e zonas accesibles, nova zona de xogos, sala polivalente e accesos mellorados

Presentación da reforma do Príncipe Felipe
Presentación da reforma do Príncipe Felipe / Deputación de Pontevedra

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra Rafa Domínguez acaba de anunciar un investimento de 3,6 millóns de euros para mellorar a eficiencia enerxética no Centro Infantil Príncipe Felipe.

A actuación consistirá na mellora da envolvente térmica, coa substitución das carpinterías, e instalarase unha nova fachada, máis eficiente e moderna.

Tamén se dotará ao recinto de iluminación led, reformarase o acceso principal para que sexa accesible, mellorarase o sistema de evacuación de augas e os acabados interiores, impermeabilizaranse patios e cubertas, executarase unha nova zona de xogos, crearase unha sala polivalente e, entre outras moitas cuestións, construirase un aseo adaptado.

Unha reforma que incidirá na calidade de vida das persoas usuarias deste espazo que cumpre unha función esencial para o conxunto da provincia como é "dar apoio, educación e oportunidades a quen máis o necesita", segundo remarcou o vicepresidente provincial.

"Este é un proxecto moi importante para a Deputación e para Pontevedra", asegurou Domínguez quen engadiu o "compromiso coa modernización de Príncipe Felipe para convertelo nun espazo máis sostible e accesible".

Neste eido fixo fincapé en que Príncipe Felipe é "un símbolo da nosa política social e educativa, e un orgullo para todos os pontevedreses".

Pola súa banda, o deputado delegado de Príncipe Felipe, Pablo Castillo, detallou que con estes recursos "crearemos un espazo vangardista, innovador, máis seguro, sostible, habitable e accesible, que suporá reducir o consumo de enerxía nun 50% e das emisións de CO2 nun 45%".