O ciclo Faladoiros Feministas 2026, organizado pola Concellería de Igualdade de Pontevedra dentro do programa Primavera Feminista, remata a súa actual edición cun encontro literario centrado na perspectiva de xénero.
Baixo o título A voz escrita das mulleres, as escritoras Ledicia Costas e Sara Vila participarán nun coloquio para abordar a situación actual das autoras e as dinámicas internas do sector editorial.
A actividade desenvolverase o vindeiro mércores 3 de xuño, ás 19:00 horas, na Casa das Campás, debido á previsión de chuvia. A xornalista Laura Fresneda será a encargada de conducir o debate.
O eixe central da xornada analizará a existencia e permanencia de diferenzas por razón de xénero no sistema literario actual.
O coloquio formulará cuestións arredor de quen asume a creación, quen consume as obras, e que criterios rexen a selección de títulos por parte das empresas editoras ou a concesión de galardóns nos xurados.
Os datos do sector amosan un incremento na publicación de textos asinados por escritoras galegas e a súa presenza habitual entre os títulos con maior volume de lectura, con exemplos como Pel de Cordeiro, de Ledicia Costas, ou O incendio, de Sara Vila.

As liñas de debate porán o foco na composición dos órganos de dirección das editoriais, os espazos de crítica literaria e a xestión dos patrocinios económicos, ámbitos vinculados maioritariamente a perfís masculinos.
As participantes tamén afondaran na exposición pública das escritoras fronte a descualificacións ou valoracións cando abordan determinadas temáticas, ademais de reflectir como a ficción recolle o avance social e as correntes opostas aos principios de igualdade e diversidade.
Ledicia Costas Álvarez (Vigo, 1979) conta cunha traxectoria no ámbito da literatura infanto-xuvenil, recoñecida co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil no ano 2015.
Dispón ademais de produción narrativa orientada ao público adulto con novelas como Infamia, Golpes de luz ou a citada Pel de Cordeiro.
Pola súa banda, Sara Vila Alonso (As Neves, 1989), cun catálogo composto por tres obras publicadas, formouse e exerceu no eido do xornalismo, unha disciplina que se reflicte na súa produción escrita.
O seu inicio na narrativa de longa duración produciuse con Oito días sen Eva Cortés, unha historia baseada no caso real da desaparición de Sonia Iglesias na cidade de Pontevedra.